ConcellosÚltima hora

O abade Ruiz de Padrón, nomeado “Ilustre Valdeorrés” polo Instituto de Estudos Valdeorreses

Esta distinción faise concidir co bicentenario do falecemento deste homenaxeado en Vilamartín

Escultura dedicada a Ruiz de Padrón en Vilamartín de Valdeorras.

 

A xunta directiva do Instituto de Estudos Valdeorreses (IEV) acordaba, nunha reunión celebrada onte, incluír ao doutor Antonio José Ruiz de Padrón, no cadro de “Ilustres Valdeorreses, a tenor no disposto no artigo 11 do vixente Regulamento, que distingue para tal honra sinalando que figurarán persoas relevantes da cultura de Valdeorras ou que teñan traballado pola mesma, xa finados“, tal e como informa esta entidade.

O presidente do IEV, Aurelio Blanco, explica que “os méritos que concorren na persoa do que fora abade de Vilamartín, xa se fixeron constar nos artigos dos exmembros de mérito e expresidentes da xestora e 1º presidente electo, Ramón López Caneda e Xosé Gayoso Diaz, que aparecen no Caderno nº 2, publicado no ano 1981. O nomeamento faise agora polos mesmos méritos que tiña o abade como “guerrilleiro”, na defensa das vidas e facendas dos seus parroquianos, contra as tropas napoleónicas; como político, na arriscada defensa das liberdades e dereitos sociais e civis ao propoñer a supresión da Inquisición e o Voto de Santiago; como sacerdote que contribúe á mellor calidade de vida dos seus parroquianos, construíndo un sistema de regadío e unhas técnicas agrícolas que converteron a Vilamartín nun verxel; e xa, como intelectual, políglota, escritor e orador, cuxos discursos, sermóns e ditames foran publicados en EEUU e en España”.

Este recoñecemento coincide ademais coa conmemoración neste 2023 do bicentenario do falecemento do homenaxeado e “co oportuno irmandamento de San Sebastián de La Gomera, o seu lugar de nacemento no ano 1757, e Vilamartín de Valdeorras, o do seu falecemento en 1823”, continúa Trincado.

Os actos que organice o IEV van supoñer, así mesmo, “unha homenaxe o falecido doutor Ramón López Caneda, auténtico descubridor e divulgador da vida e obra de Ruiz de Padrón. E os seus libros sobre o abade de obrigada consulta por todos os historiadores e investigadores”.

Artigos relacionados

Back to top button