É unha das datas máis multitudinarias do Entroido en Verín. E nela as mulleres toman as rúas da localidade. A do Xoves de Comadres é unha noite moi especial nesta localidade ourensá.
As comadres encherán tódolos restaurantes de vila, nos que cearán e bailarán ao ritmo da música das charangas. A media noite, no barrio de San Lázaro, a Raíña do Entroido recibirá á comitiva de Don Carnal, que descenderá polo Camiño Real acompañada da Banda de Gaitas do Concello de Verín e do Folión de Carracedo.
A procesión “da vela e das sabas brancas”, desprazarase dende San Lázaro ata as prazas Maior e García Barbón, onde tralo saúdo da Raíña e Don Carnal, terá lugar a lectura do pregón a cargo do actor galego Manuel Manquiña, que dará o pistoletazo oficial ao Entroido 2015.É moi coñecido polos seus traballos en televisión, cinema ou teatro.
Con grandes doses de humor e ironía, o actor “aportará unha visión particular aos asuntos de actualidade nunha noite na que se iniciará de modo oficial o ciclo do Entroido na localidade”, tal e como adiantan dende o Concello de Verín. Tras o pregón, actuará a orquestra Marbella.