Eleccións municipais 2023PolíticaÚltima horaVídeos

O actual alcalde de Vilamartín, Enrique Álvarez, volve liderar a lista socialista, con xente “xove, do pobo e con ganas de traballar”

 

Cun equipo de xente xove, do pobo e “con ganas de facer cousas por Vilamartín”, o actual alcalde Enrique Álvarez Barreiro volver presentarse polo PSdeG-PSOE no concello de Vilamartín de Valdeorras de cara aos comicios do 28 de maio. “Aínda que segue habendo algún concelleiro e concelleira do anterior equipo, é unha lista bastante renovada, e cando se xera esa ilusión con xente xove, que vive no pobo e con ganas de traballar, penso que o futuro está garantido para Vilamartín”.

 

O candidato socialista á alcaldía de Vilamartínde Valdeorras, Enrique Álvarez Barreiro.

 

Así de orgulloso se amosaba Álvarez Barreiro na tarde deste venres 5 de maio no Bañadoiro, área recreativa que está sendo remodelada para converterse nun “referente comarcal”. Alí, sobre o pantalán que proximamente se abrirá ao público en pleno río Sil, o candidato socialista á alcaldía de Vilamartín asegurou que “se hai xente nova que se quere adicar á política no noso concello podemos estar tranquilos porque non é doado, sobre todo nun momento en que a política está tan denostada”.

A grandes rasgos, Enrique Álvarez explicou que o empeño do seu equipo seguirá sendo poñer en valor os pobos do municipio “nos que xa levamos traballado moito polo que agora chegamos a Vilamartín que tiñamos un pouco abandonada, con importantes obras que temos xa en marcha”. Adiantou que segundo o previsto a obra do Bañadoiro estará rematada a mediados do mes de xuño. “Será un referente do noso proxecto, non polo que se leva feito senón polo que queda de cara ao futuro, xa que a segunda fase será tan atractiva como esta primeira”.

 

Presentación da candidatura no pantalán, no Bañadoiro.

 

De cara ao futuro centraranse tamén na praza José Luis Núñez. “Hai que integrala no pobo e facer que a xente se sinta orgullosa, e para isto ten que ser atractiva, algo que temos en mente e penso que poderemos facer nos próximos catro anos”, dixo Enrique, adiantando que no ámbito cultural centraranse en persoeiros importantes cos que contan no concello, destacando o ano do Abade Ruíz de Padrón co futuro irmanamento con San Sebastián de la Gomera, pero tamén outros como Xaime Prada, Xosé Gayoso, Santiago Álvarez,… “culturalmente parécenos moi importante poñelos en valor”.

No programa tampouco se esquecen do apartado deportivo, lembrando os tres clubs cos que contan e o importante tecido asociativo. “Temos da orde de 16-17 colectivos, algo moi importante, cos que seguiremos colaborando e traballando para poñer en valor o noso concello”.

 

 

CANDIDATURA:

  1. Enrique Álvarez Barreiro
  2. Sherezade Núñez Rodríguez
  3. Claudia Núñez Vidal
  4. Juan Enrique Guntiñas Roo
  5. Camilo José Guerra Cao
  6. Manuel Sánchez Arias
  7. Patricia Vila Navarro
  8. María Alijo Prada
  9. Estrella Peral Fernández

SUPLENTES:

  1. Alejandro Núñez Rodríguez
  2. Saúl Rodríguez Losada

Fotos: Carlos G. Hervella.
Vídeo: Mónica G. Bellver.

Artigos relacionados

Back to top button