Apenas dúas semanas despois de que os cadetes (masculino e feminino) comezaran a competición, o Club MV Barco recibía unha importante nova. Un dos seus xogadores de base, o alevín Óscar Gómez Moreiras, foi elixido para formar parte da selección ourensá que participará o vindeiro luns 1 de novembro na xuntanza organizada pola Federación Galega de Baloncesto, na Estrada onde se darán cita as seleccións de Ourense, Vigo, Arousa, Lugo, A Coruña e Santiago.
A ourensá está formada por dez cativos, case todos da cidade (COB, Vedruna, Maristas,…), e xogarán dous partidos na mañá do luns, un contra a selección de Arousa e outro contra a de Ferrol estando incluído tamén o xantar. “Teñen que estar alí sobre as nove da mañá e seguir un riguroso protocolo de seguridade, con redución de aforo incluído”, explica o pai de Óscar, asegurando este tipo de xuntanzas serve para que os nenos das diferentes provincias se vaian coñecendo “e ir confeccionando un grupo de cara á competición oficial”.
No caso de Óscar, xa estivera en varias preseleccións no 2019 pero coa pandemia paralizouse todo e non volvían adestrar ata hai pouco. Desta volta, trala primeira criba que pasou hai uns quince días, xa foi escollido para a a selección ourensá.
Fotos: Quint@s.