No marco da celebración do seu 50 aniversario, o IES Martaguisela do Barco celebra na mañá deste 4 de xuño unha actividade moi especial. Na parte frontal do centro estase a elaborar un longo mural de mosaico conmemorativo deste medio século de actividade formativa na vila.
A iniciativa vincula ademais a alumnos actuais deste instituto, aos seus futuros estudantes (en concreto estudantes dos CEIP Julio Gurriarán e Otero Pedrayo de Viloira), así como antigos alumnos (entre os coordinadores do mural, o artista barquense Chere e o seu irmán Manolo), así como a profesores actuais e a antigos docentes. O alumnado irá pasando por grupos polo mural ao longo da mañá para contribuír na súa elaboración.
“Cada un pon a súa propia tesela e participa. Unimos neste traballo ao pasado do instituto, que somos os antigos, alumnos e tamén profesores, cos estudantes actuais e os que virán o vindeiro curso”, destaca Gerardo Rodríguez, “Chere”, que está a coordinar os detalles deste singular mosaico.
Fotos: A.R.
