En portadaÚltima hora

O ano hidrolóxico 2023-2024 resultaba extremadamente cálido e moi húmido na demarcación do Miño-Sil

Así se indicaba na reunión da Xunta de Goberno e do Consello da Auga, convocada polo presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil

 

A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), Organismo autónomo dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, reuniu aos membros da Xunta de Gobierno e do Consello da auga da Demarcación, Órganos Colexiados de Goberno e de Participación de gran importancia para os asuntos clave dos organismos de conca, como son, todo o relacionado cos plans hidrolóxicos, plans de xestión de risco de inundación, aprobación de orzamento e contas, entre outros temas.

O xefe da Oficina de Planificación Hidrolóxica explicou que desde o pasado 1 de decembro atópase en consulta pública o esquema provisional de temas importantes (EpTI) da parte española da Demarcación Hidrográfica do Miño-Sil do ciclo de planificación hidrolóxica 2028-2033, durante 6 meses, prazo no que se poderán formular as propostas, observacións e suxerencias, a través do Rexistro.

O EpTI é a segunda das tres etapas do novo plan hidrolóxico e contén a descrición e valoración dos principais problemas actuais e previsibles da demarcación relacionados coa auga e as posibles alternativas de actuación para solucionalos.

O documento exposto consta de 16 temas importantes divididos en catro bloques: cumprimento de obxectivos medioambientais; atención das demandas e racionalidade do uso; seguridade fronte a fenómenos meteorolóxicos extremos; e coñecemento e gobernanza.

“Entre as principais características desta demarcación destacan as alteracións hidromorfológicas derivadas do intenso aproveitamento hidroeléctrico e do elevado número de obstáculos transversais; os impactos da actividade mineira, especialmente de extracción de lousa; a contaminación difusa de orixe agrogandeira; a contaminación puntual por deficiente depuración e dispersión poboacional; a contaminación histórica por lindano na zona do Porriño; así como os efectos do cambio climático no uso da auga e nos fenómenos extremos”, indicaba Quiroga.

 

 

Seguimento do Plan Hidrolóxico actual

Por outra banda, expúxose ante os órganos colexiados, un resumo do segundo informe de desenvolvemento e seguimento do plan hidrolóxico vixente 2022-2027, correspondente ao ano 2024.

Así sinalouse que resultou ser un ano hidrolóxico o 2023-2024, extremadamente cálido e moi húmido cunha temperatura media de 13 °C e unha precipitación acumulada de 1.580 l/m², un 37% superior á media dos anos entre 1980-2018 e resultado o terceiro máis húmido do período tras 2000/01 e 2009/10.

No referente ao estado das masas de auga superficiais o 219 (76%) das 287 delimitadas na demarcación alcanzan o bo estado, mentres que 21 (87,5%) das 24 subterráneas avaliáronse en bo estado.

Tamén a CHMS mostrou o bo grao de avance do programa de medidas do plan nos seus dous primeiros anos de vixencia, do que xa se executaron 163 millóns de euros, o 35% do total.

 

 

Execución orzamentaria e conta anual

O secretario Xeral expuxo os datos de execución do orzamento do exercicio 2025. A conta anual do organismo foi presentada en tempo e forma, e hoxe por hoxe está a ser auditada pola Intervención Delegada no organismo.

Por outra banda, informouse á Xunta de Gobierno das previsións orzamentarias da CHMS para o exercicio 2026. O proxecto elaborado supón un incremento do 15% con respecto ao orzamento prorrogado, actualmente vixente (48mill/€).

“No encontro de hoxe tamén insistimos na obrigación de mellorar a coordinación entre as distintas administracións públicas con competencias en materias relacionadas coa xestión das nosas masas de auga (medio ambiente, agricultura, gandería, urbanismo, abastecemento, saneamento, depuración, restauración, industria, minería e enerxía) e na obrigación de que todas debemos asumir as nosas competencias e executar as actuacións necesarias para conseguir o bo estado das mesmas”, concluía Quiroga.

Back to top button