
Decembro é un mes atípico con varios festivos, non só nas datas de Nadal senón na ponte da Constitución desta fin de semana, o que obriga ao reaxuste de calendarios a nivel deportivo. Por iso son dous os partidos de terceira división de fútbol que se xogarán en catro días, aproveitando a devandita ponte.
O primeiro disputábase hoxe, sábado 5 de decembro e un dos máis destacados no grupo B era o derbi entre o CD Arenteiro e o CD Barco que se disputaba no campo de Espiñedo, no Carballiño, onde quedaban os puntos trala vitoria local 4-2.
Eran os do Barco os encargados de abrir o marcador co gol de Juanito Bazo no minuto 9, aínda que Sylla respondía co gol do empate só cinco minutos despois. Lonxe de amilanarse os de Manolo Pérez volvían a adiantarse co gol de Vera xa no 36′, remarando a primeira metade co marcador favorable para o conxunto vermello (1-2). Tralo paso polo vestiario as cousas cambiaron de rumbo e tralo empate local co gol de Renan no minuto 49, chegarían os de Pazos no 61′ e Rubén Arce no tempo de desconto, sentenciando o encontro a favor dos verdes que suman tres puntos que o suben ao segundo posto da táboa.
A seguinte cita para os do Barco será o martes 8 de decembro en casa contra o Ourense CF, mentres que os do Carballiño viaxarán ata O Porriño para enfrontarse ao Pontellas.