CulturaCulturaÚltima hora

O artesán Rubén Pedreiro asina o Premio do Público do Festival de Curtas de Verín 2022

O artesán natural de Riós e aficado en Verín, Rubén Pedreiro, de 36 anos./ Foto: FIC.

 

Novamente o Festival Internacional de Curtas (FIC) Vía XIV de Verín vén de dar nesta edición a un artesán local a oportunidade de crear a peza coa que se distinguirá o Premio do Público. Desta volta, escolleuse ao creador natural de Riós e aficado en Verín, Rubén Pedreiro, de 36 anos, que nun primeiro momento se amosou “sorprendido” coa petición da organización do certame.

Pedreiro, que ademais de artesán, rehabilita vivendas, entre outros traballos, dixo que si á proposta e axiña se puxo mans á obra para crear unha peza “en consonancia coa imaxe gráfica do FIC deste ano”. Por iso, sinala que a súa proposta parte do deseño que se realizou para o cartel, en particular do fenaquitoscopio.

Como unha pedra collida do río

“Parto deste círculo psicodélico e aplícolle a filosofía do meu traballo como artesán: a sinxeleza”. Por iso propoño unha peza que emula unha “pedra collida do río, lixada cun rematado agradable ao tacto, que conserva os seus trazos básicos sen parafernalia e se sostén nunha peana de madeira coa parte de abaixo embutida na pedra”, sinala.

O director do FIC Vía XIV, Carlos Montero, eloxia o traballo de Pedreiro e destaca a súa “singularidade” ao ofrecer un concepto moi “en sintonía e coherencia” coa “imaxe visual” desta edición do certame.

Artigos relacionados

Back to top button