O CD Atlético Godello Valdeorras está a marcar un novo fito no fútbol sala da Coruña. Iniciaba a súa andaina a pasada tempada con gran éxito, conseguindo ascender de categoría e actualmente compite na Segunda Autonómica Futgal, subgrupo Primeira División. Cun equipo que combina a xogadores de Valdeorras residentes na Coruña e a novos integrantes que queiran sumarse a esta aventura, o Atlético Godello “representa non só unha aposta polo deporte, senón tamén un vínculo para promover e compartir a cultura valdeorresa na cidade herculina”, aseguran dende o club.
Desde a súa creación, o Atlético Godello Valdeorras caracterizouse polo seu compromiso coa comunidade e a súa identidade cultural. “Grazas ao apoio dos nosos patrocinadores, puidemos organizar unha serie de eventos abertos a todas as persoas que desexen colaborar co club”, explican. Eventos, pensados para todos os públicos, que se poden consultar nas redes sociais do club, especialmente no perfil de Instagram, @atleticogodellovaldeorras, onde tamén publican as novidades do club e os resultados dos encontros.
Este ano lanzan tamén a campaña de socios, ofrecendo a posibilidade de facerse socio do club de forma telemática e facilitando así o acceso a quen queira formar parte deste proxecto. Ademais, “agora é posible comprar as entradas para os nosos eventos online, mellorando a comodidade e accesibilidade para todos os nosos seguidores”, explican dende o Atlético Godello, adiantando que proximamente tamén lanzarán a primeira colección de merchandising do club, de maneira que “todos os afeccionados poidan levar con orgullo as cores do Atlético Godello Valdeorras”.
Dende o club destacan a súa misión social. “Non só é un espazo para a práctica do deporte, senón tamén un lugar de encontro e de fomento da cultura valdeorresa na Coruña”, aseguran, convidando a todos a formar parte desta comunidade, a sumarse aos nosos eventos e a celebrar xuntos cada triunfo deportivo desta tempada cun bo Godello de Valdeorras”.