Entrevistas

“O AVE en Ourense será realidade no 2018”

Celso Delgado Arce, deputado do PP por Ourense no Congreso e presidente da Comisión de Fomento
Foto: Carlos G. Hervella
Foto: Carlos G. Hervella

Non é un recén chegado ao Congreso. Estreábase nesta Cámara no ano 2000, tras unha etapa como deputado autonómico do PP e vicepresidente primeiro do Parlamento galego (1997-2000). Dende alí Celso Delgado Arce (Ourense, 1958), licenciado en Dereito e Máster en Dirección de Empresas, saltaba á política nacional. A finais do 2011 iniciaba a súa cuarta lexislatura como deputado. Volvía ao equipo de goberno, tras oito anos de labor parlamentaria na oposición, e facíao nunha conxuntura condicionada de cheo pola crise.

E neste marco económico, Delgado Arce, que tamén preside a Comisión de Fomento no Congreso, destaca o protagonismo de Ourense nos orzamentos do Estado e arguméntao botando man das cifras. “É a segunda provincia española con maior volume de inversión de Fomento nos presupostos do 2013. A inversión é 3,4 veces máis que a media nacional”. A razón principal: as obras da alta velocidade. Cita tamén investimentos de máis de 55 millóns de euros en actuacións hidráulicas como a EDAR de Ourense (cun presuposto de 49 millóns de euros) ou a do Barco (1,5 millóns) e outros na área de cultura como as obras de San Francisco en Ourense, con 13,7 millóns.

Sen embargo, como contrapunto están as estradas. É o caso da N-120 e a N-536 cuxo lamentable estado levaba á Asociación Empresarial de Valdeorras (AEVA) a convocar unha xuntanza, na que tamén estivo presente Delgado Arce. Este é un tema, asegura, no que se está traballando. E, en canto á A-76, anuncia a inminente publicación no BOE da Declaración de Impacto Ambiental desta tan esperada infraestrutura entre Ourense e Ponferrada, “unha vez que o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente (MAGRAMA) formulou a declaración de impacto medioambiental favorable á realización desta autovía”. O deputado ourensán considéraa de “gran importancia para a vertebración da Galicia interior, constituíndo un terceiro acceso de gran capacidade dende Galicia cara Castela León”. Ademais adianta que “traballamos nun acceso á A-76 na Rúa. É un enlace no que estamos esperando o seguinte trámite administrativo e creo que dentro de pouco teremos algunha novidade”.

Nesta entrevista, realizada en Ourense uns días antes do tráxico accidente ferroviario de Santiago, Delgado Arce aborda tamén reformas lexislativas que o goberno ten entre mans como a da administración local, que, aínda que “son moi criticadas, penso que van a dar os seus froitos”. Asemade aporta a súa visión sobre a provincia de Ourense dentro do conxunto do Estado. Cre que ten problemas moi graves, como é o demográfico, pero tamén “moitas oportunidades de crecemento”. E sobre o seu futuro na política a medio-longo prazo amósase cauto. “Non me gusta adiantar acontecementos, pero levo moitos anos en política e teño tamén unha profesión”.

Logo de case dous anos de lexislatura, ¿como ve a situación económica do país?
Embridamos a situación e estámola reconducindo. As taxas de crecemento aínda son negativas, pero todo o mundo vaticina que neste ano concluíremos a recesión económica e isto empezará a cambiar.
O FMI (Fondo Monetario Internacional) fala do ano 2015…
O FMI si, pero a maioría dos organismos dixeron que vai ser así e eu así o creo. Vimos de ter unha enquisa de poboación activa moi positiva en relación coa do trimestre anterior e os datos de emprego destes últimos meses non se poden calificar de negativos, senón que empezamos a non destruír emprego e a estar en emprego xa neto. Isto non é ningún triunfalismo, pero tampouco temos por qué dicir que agora as cousas están indo a peor. Afortunadamente, e xa vai sendo hora, empezan a estabilizarse e a remontar lentamente.


Neste contexto, ¿cales son as prioridades do goberno do Estado?
Primeiro, manter o estado de benestar. Iso significa pagar as pensións, as prestacións por desemprego, manter o sistema sanitario e educativo, pagarlle aos funcionarios públicos e, desgraciadamente, temos que invertir unha burrada de miles de millóns de euros todos os anos en pagar os intereses da débeda, é dicir, devolver o que nos prestaron máis os intereses, e isto cómese as posibilidades de inversión dun país. Por iso cando din que os do PP están obsesionados por corrixir o déficit público, eu digo que mentres se teña a pedra da débeda e dos intereses desa débeda atada ao pescozo, ou se reduce ou non se levanta cabeza. E, nese contexto de redución e de contención, o certo é que o orzamento dos anos 2012 e 2013 para a provincia de Ourense ten sido dos mellores que nunca tivemos. Isto é así dende o punto de vista obxectivo porque se están executando na nosa provincia as obras da alta velocidade.


¿E cales son as prioridades de Fomento na alta velocidade galega?
Dúas: a conclusión do Eixo Atlántico (que une Coruña con Vigo), que se prevé para finais do próximo ano, e a conexión coa Meseta. Na conexión coa Meseta as obras do AVE en Ourense avanzan dun modo significativo. Hai que sinalar que o lugar de España onde menos se deixou sentir o recorte inversor en Fomento é xustamente en Galicia. Iso fai que teñamos que someternos a tantas inxustas críticas de persoas doutras comunidades autónomas, que critican que neste territorio, onde non vive tanta xente e onde non viaxan tantas persoas, teñamos unha liña tan carísima. Sempre din que se nota que temos unha ministra galega e un presidente galego e díceno porque nos seus territorios hai obras en construción que se teñen ralentizado moito, como é o caso do País Vasco, de Asturias ou do Arco Mediterráneo.


¿Cando será unha realidade o AVE en Ourense?
O goberno traballa co obxectivo de que no 2018 poda estar en servizo a conexión por alta velocidade entre Ourense e Olmedo, onde xa chega. Prevese que no 2014 haberá alta velocidade de Zamora ata Madrid. E no momento no que poñamos en servizo esa conexión con Zamora ímoslle quitar ao tempo de viaxe entre Ourense e Madrid uns 40 minutos. Hoxe nesa viaxe tárdanse 4 horas e 40 minutos, pero no vindeiro ano serán catro, co cal o tren compite en tempo, xa dende Ourense, co coche particular e iso é un cambio cualitativo importante.

Texto: Ángeles Rodríguez/Ourense    Foto: Carlos G. Hervella

(A entrevista íntegra pode lerse na edición en papel do

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button