
Espectacular e épica vitoria en Río. A selección española de baloncesto, ao fronte da cal está o seleccionador de orixe valdeorresa Lucas Mondelo, quería facer historia e vén de logralo. Por primeira vez, e tras quedarse ás portas das semifinais en tres ocasións (Barcelona 92. Atenas 2004 e Pekín 2008), o equipo español vén de pasar ás semifinais duns xogos olímpicos. Lográbao en Río na tarde do 16 de agosto no Carioca Arena 1, nun partido especialmente difícil e heroico contra Turquía.
España comezaba a segunda parte do encontro cunha lixeira vantaxe de 31 a 25 sobre a selección turca, pero o escenario mudaba por completo para as de Lucas Mondelo a partires de entón. Turquía acurtaba distancias e, finalmente, lograba poñerse por diante con 34-31. A partir de aí, e pese aos intentos de España, as otomanas mantiñan o control do xogo. E iso ata practicamente dous minutos para o remate do partido.

A vantaxe ía diminuíndo, e a selección de Mondelo situábase a 58-60. Entre os balóns collidos a Turquía e os erros nos tiros das otomanas, as españolas empataban a 62, a falta de 36 segundos do final. E, cando só quedaba un segundo, unha canastra de Anna Cruz permitíalles ganar cun resultado de 62 a 60 sobre as turcas. Unha vitoria loitada e especialmente intensa e emocionante ata os últimos momentos coa que as xogadores de Mondelo se posicionan entre as catro mellores seleccións dos Xogos Olímpicos. Agora toca pensar na loita polas medallas.