ConcellosÚltima hora

O Barco acolle a estrea de “Ciudad de la Selva”, documental sobre a guerrilla nos montes de Casaio

Este filme pretende "preservar unha memoria que ata agora non se tiña articulado nunha peza divulgativa", segundo o seu director, Miguel Riaño

 

Numerosas persoas, entre elas representantes de diferentes formacións políticas, sindicais e culturais, acudían na tarde deste sábado 17 de setembro á estrea do documental “Ciudad de la Selva” no Teatro Lauro Olmo do Barco. Este filme, dirixido por Miguel Riaño, conta a historia da guerrilla antifranquista nos campamentos instalados entre 1941 e 1946 nos montes de Casaio (Carballeda de Valdeorras). Neles chegaban a vivir de forma estable nese período entre 50 e 60 persoas e en desentrañar como era o seu día a día céntrase este traballo.

Ao longo de case 70 minutos esta peza audiovisual “transmite información totalmente descoñecida. A parte historiográfica ten unha importancia notable, pero a dureza dos lugares onde se desenvolveron os feitos fixo que ata agora non fose posible confrontar a documentación co achado arqueolóxico. A guerrilla e o maquis é algo itinerante, pero esta Cidade da Selva é un lugar físico”, en palabras do seu director, que incide en que con este traballo búscase dar “visibilidade a Valdeorras en moitas partes do mundo”.

O documental inclúe tamén imaxes, aportadas polo AGADIC, tomadas na comarca nos anos 40 e 50, entre elas algunhas das Minas de Wolframio de Valborraz. “Recóllense materiais visuais de gran relevancia”, segundo Riaño.

 

 

O director do filme resaltaba na estrea que “este é un proxecto que intenta enmarcar, manter e preservar unha memoria que ata agora non estaba quizais articulada nunha peza divulgativa como esta. Espero que sexa respectuosa coa vosa historia”. Riaño estaba acompañado neste acto polo director do equipo de investigadores que leva 5 anos traballando nos montes de Casaio, Carlos Tejerizo, quen cualificaba a estrea de “moi emocionante. O filme recolle o noso traballo, a vosa historia e pensamos que pagaba a pena levala fóra de Valdeorras”.

 

 

A quenda de intervencións, que abría o concelleiro de Turismo barquense Eladio Santos, pechábaa Alfredo García, alcalde do Barco, Concello que apoiou a produción do documental e que agradecía esta iniciativa. “É importante coñecer a nosa historia, aquilo que pasou preto de de nós e isto éo que quixeron recoller neste proxecto”, dicía.

“Ciudad de la Selva” poderá verse tamén mañá domingo e o luns, así como na vindeira semana no Teatro Lauro Olmo do Barco.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button