ConcellosEn portadaO BarcoÚltima horaVídeos

O Barco acolle unha reunión para abordar o proxecto da “Gran Senda do Sil”

No encontro participaban representantes dos 32 concellos polos que podería discorrer, dende o nacemento do río ata a súa desembocadura nos Peares, así como doutras entidades como a Deputación de Ourense

 

Continúa a traballarse no proxecto para crear unha senda que discorra, seguindo o Sil, a través de 32 concellos de varias provincias e dúas comunidades (Castela e León e Galicia), desde o nacemento deste río, en La Cueta, ata a súa desembocadura no Miño, na localidade dos Peares. O obxectivo da creación desta senda, cuxa adecuación e promoción se pretende pór en marcha con fondos europeos, é incentivar o turismo nas comarcas polas que descorrerá, así como crear emprego e fixar poboación.

Tras unha reunión celebrada a primeiros de xuño en Toreno (León), O Barco acollía neste 30 de agosto unha nova xuntanza para seguir avanzando nesta iniciativa, na que participaban representantes dos concellos polos que pasaría esta senda, o presidente da Asociación Sil Si, Julio Rubial, e, tamén, se incorporaban o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, así como un representante da Deputación de León. Tamén se esperaba a chegada dun membro da Deputación de Lugo.

 

 

“Vai ser fundamental ese labor da Deputación neste proxecto, os 32 concellos non nos imos poder poñerno de acordo para a xestión do día a día, alomenos no inicio teremos que contar coas deputacións, máis adiante tamén falaremos con outros organismos, de feito xa iniciamos contactos nese senso coa Xunta, por exemplo”, comentaba o alcalde do Barco, Alfredo García, no inicio da xuntanza, que se desenvolvía a partir das 12h. no salón de actos do edificio multiusos do Barco. Ademais cóntase coa colaboración da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, tal e como tamén se sinalaba na xuntanza.

 

 

Así mesmo, o rexedor barquense expoñía que “hai que conseguir que este proxecto sexa declarado de interese xeral”. E, nese senso, comentaba que é preciso “elaborar unha memoria de canto pode custar esta iniciativa e como a imos desenvolver, temos que ir a fondos europeos”.

A idea de crear esta Gran Senda do Sil vén de xurdir na comarca do Bierzo, buscando alternativas tras o peche das minas de carbón. Os promotores consideran que pode ser un elemento dinamizador interesante “no que temos que estar todos unidos, tanto os concellos como, no caso de que finalmente se consiga desenvolver o proxecto, tamén a iniciativa privada”, di o alcalde do Barco.

Fotos e vídeos: Carlos G. Hervella.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button