
En pouco tempo a imaxe da escolleira situada á beira do río Sil, na parte do casco vello barquense, mudará por completo. O Concello do Barco está a realizar nela unha intervención consistente en cubrir as pedras con terra para, despois, sementala con vexetación.
“A idea é que a pendente quede o máis suave posible, polo menos na parte superior”, comenta o alcalde do Barco, Alfredo García. Despois sementarase céspede ou ben botarase unha manta orgánica de coco, “isto aínda non o temos decidido, dependerá do custe”, engade o rexedor. As obras estanse a realizar nesta época do ano porque é cando o río vén máis baixo.

A intervención durará uns días, o que suporá seguramente cortar ao tránsito de persoas a baixada peonil ao Malecón pola beira do río, nestes momentos chea da terra que se depositará na escolleira. “É máis que nada un tema estético para mellorar esa zona e quitar da vista as pedras. A nosa intención é, ademais, cando nos dean o obradoiro de emprego, poder facer unha rampa para que a xente poda baixar”, adianta Alfredo García.