ConcellosO BarcoÚltima hora

O Barco adhírese á Rede de Entidades Locais a prol dos obxectivos de desenvolvemento sostible

Así se acordaba na sesión plenaria de setembro, na que tamén se lle daba luz verde a un expediente de crédito extraordinario para a mellora do firme da estrada de Vilariño, entre outros proxectos

 

“Este é quizais o punto máis importante deste pleno polo compromiso que adquirimos”, dicía o voceiro municipal do PSdeG no Barco, Aurentino Alonso, na sesión do 3 de setembro  ao referirse a proposición dos grupos municipais relativa á adhesión do Concello do Barco á Rede de Entidades Locais para o desenvolvemento dos obxectivos de desenvolvemento sostible da Axenda 2030. E, seguidamente, daba lectura aos 17 obxectivos polos que aposta esa rede, cuxa asemblea constituínte preve reunirse o vindeiro outubro.

Entre eses obxectivos figuran “garantir unha educación inclusiva, equitativa e de calidade e promover oportunidades de aprendizaxe durante toda a vida de todos”, “garantir unha vida sa e promover o benestar para todos en todas as idades” ou “promover o crecemento económico sostido, inclusivo e sostible, o emprego pleno e produtivo e o traballo decente para todos”, tal e como enumeraba Aurentino Alonso.

O voceiro do BNG, Suso Vilasánchez coincidía na relevancia do punto, “este é un dos documentos máis importantes do Concello”, dicía. De maneira favorable se manifestaban tamén o portavoz de Riada, Féliz García, e a do do PP, Sabina Aguado, polo que resultaba aprobado por unanimidade.

 

 

Ademais saía adiante por unanimidade a aprobacióni definitiva do Plan Municipal de Prevención e Defensa contra incendios forestais do Barco e un expediente de crédito extraordinario para dúas actuacións. “que urxen”, segundo Aurentino Alonso. Unha delas é a mellora do firme da estrada de Vilariño a Alixo, cun orzamento duns 22.500 euros, e a outra a subministración e instalación de aparellos para medir a auga que se verte aos ríos nos pozos de tormentas.

Das tres mocións presentadas na sesión polos grupos políticos, tan só saía adiante a defendida polo partido socialista con rlación ao protocolo fronte ao coronavirus na volta ás aulas este vindeiro curso escolar.

Fotos: A.R.

Artigos relacionados

Back to top button