Saber máis sobre o Porto da Barca e poñer en valor esta zona do casco antigo barquense, considerado o berce da vila. É o obxectivo da moción que a corporación barquense aprobaba por unanimidade na primeira sesión plenaria que a súa Corporación celebraba neste ano 2020.
Esta iniciativa, presentada polos tres grupos da oposición de maneira conxunta (PP, BNG e Riada Cidadá) e exposta por Carlos Crespo (PP), pedía “implementar un plan de acción para levar a cabo un estudo arqueolóxico co fin de datar o Porto da Barco e a súa contorna, así como os xacementos de Porto Carballo e Viloira, coa maior celeridade posible”. Este porto fluvial é unha “construción considerada das máis antigas, senón a que máis, ligada á propia orixe do lugar, e un dos nosos sinais de identidade máis interesantes, xenuíno e diferenciador”, segundo a moción.
Ademais Crespo sinalaba que “con estas iniciativas estaríamos axudando a resolver a incógnita da antigüidade dos nosos actuais asentamentos, axudaríamos a fixar unha data para o Porto da Barca que poida ser colocada nunha placa indicativa, debaixo do seu nome e que así, todos os barquenses, visitantes e o cada vez máis numeroso colectivo de viaxeiros que transitan polo noso Camiño de Inverno, poida respectalo e valoralo”.
A iniciativa resultaba aprobada por unanimidade. “O Concello do Barco está dacordo en que esa zona debe ser posta en valor, pero non é tan importante a datación”, indicaba a concelleira de Cultura, Margarida Pizcueta, que matizaba algúns dos argumentos expostos no texto, apoiándose en opinións de expertos como o arqueólogo Santiago Ferrer.
Pola súa banda, o alcalde barquense, Alfredo García, insistía en que “é necesaria unha actuación e farase cando finalicen as rehabilitacións que se están realizando nesa zona. A idea tena clara o arquitecto municipal, temos un proxecto para realizar alí no que vimos traballando dende hai tempo e se aparecesen outras cuestións interesantes iso modificaríase”. Ademais o Concello prevé outras actuacións en materia patrimonial como a recuperación da ponte da Proba, a segunda fase de rehabilitación do Castro ou unha intervención na praza das Airas, no caso antigo, segundo lembraba o rexedor.
Convenio coa CHMS e e regulamento do Consello Local da Infancia e da Adolescencia
Nesta sesión plenaria tamén resultaba aprobado un convenio coa Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS) para a mellora da capacidade de desaügue do regueiro de Forcadela en Veigadecabo, “unha obra moi necesaria” e que na se prevé un investimento de 280.000 euros, dos cales 84.000 euros serán aportados polo Concello e o resto pola confederación en dúas fases”, tal e como explicaba o voceiro municipal socialista, Aurentino Alonso.
Dende a oposición, tanto Riada Cidadá como PP, consideraban a actuación necesaria pero criticaban que o convenio “non vaia acompañado dun proxecto de execución da obra”. Finalmente, o punto saía adiante con 11 votos a favor (PSdeG-PSOE, BNG e Riada Cidadá) e coas cinco abstencións do PP.
Así mesmo aprobábase, desta volta por unanimidade, o regulamento do Consello Local da Infancia e Adolescencia (CLIA) do Concello do Barco. Xa en rogos e preguntas, o concelleiro do BNG, Suso Vilasánchez, agradecíalle ao alcalde que, malia non ter resultado aprobada unha moción presentada por este partido sobre transporte rural, manifestase na prensa a súa intención de levalo a cabo. Alfredo García respondía asegurando que estaba vendo coa empresa as rutas existentes, tanto no relacionado co transporte a demanda como no escolar, “o que está claro é que non se pode deixar tirado a ningún veciño”.
Por outra banda, o concelleiro de Riada Cidadá, Félix García, preguntaba, entre outras cuestións pola situación do plan de mobilidade, así como pola venda de billetes na estación de ferrocarril no Barco e polas avarías de catenarias en Valdeorras. O alcalde aseguraba que demandará información sobre eses temas e indicaba que a venda de billetes está garantida no Barco ata xuño.
Fotos: A.R.