
Do 21 ao 24 de decembro, a asociación Centro Comercial Aberto (CCA) O Barco pon en marcha a súa campaña de dinamización para celebrar o Nadal. Os días mércores 21 e xoves 22 de decembro, de 17:00 a 20:00 horas, “a nosa Casa de Papá Noel, localizada na Praza do Concello, abrirá as súas portas para que os máis pequenos poidan deixar as súas cartas a Papá Noel na nosa caixa de correos, que estará custodiado por un elfo”, adiantan dende esta entidade que preside Jacobo Arias.
Entre todas as familias que entreguen a súa carta sortearase un vale de 50€ para investir no comercio local. As cartas tamén poderán entregarse os días 23 e 24 de decembro.
O venres 23 de decembro chegará Papá Noel á Praza do Concello para instalarse na súa casa de Nadal, en horario de 11:00 a 13:30 horas e de 18:00 a 20:00 horas. Todo o que queira poderá achegarse á Casa de Papá Noel para sacarse unha foto gratuíta no noso fotomatón.
Ademais, ese mesmo venres ás 16:30 horas terá lugar, na Praza do Concello, o concerto Cores, Contos e Rock and Roll con Ramona Órbita de Pakolas. Ao finalizar o espectáculo realizarase un sorteo entre todos os asistentes de dez libros de Pakolas. Para participar, o público deberá entregar aos responsables do CCA O Barco un ticket de compra* dalgún dos establecementos asociados con data de decembro de 2022.
Para finalizar, o sábado 24 de decembro, Noiteboa, en horario de 11:00 a 13:30 horas abrirase de novo a Casa de Papá Noel. Tamén haberá fotomatón. As cartas que se entreguen na caixa de correos e os tíckets de compra para o sorteo de libros de Pakolas deberán levar un nome completo e un teléfono de contacto.