Dende hai uns días veciños e visitantes da parte máis antiga do Barco desfrutan dun mural realizado polo artista vilamartinés OrdeCaos no lateral dunha casa que dá á praza das Airas. Esta obra, iniciativa do Barco Centro Comercial Aberto (CCA) co respaldo económico do Inorde, busca homenaxear aos principais sectores produtivos da comarca e ao seu patrimonio, ademais de revalorizar a zona vella da vila. Así o destacaba na presentación do mural Jacobo Arias, presidente do Barco CCA, na que estaba acompañado polo autor da obra e pola xerente da entidade, Ainhoa Carracedo.
“Finalizamos este proxecto, que pretendemos que teña continuidade con novas iniciativas se conseguimos apoios. O mural recolle sectores como o da castaña, o viño, a lousa, os cogomelos… e tamén o comercio, ademais aparece a referencia ao Camiño de Inverno, deste xeito pretendemos e que a sociedade valore o que temos na zona e tamén que merque nela e desfrute da súa hostalaría”, destacaba na presentación o presidente do Barco CCA, que resaltaba o gran traballo do artista, “estamos moi contentos co resultado e os veciños tamén. Cando vimos o deseño inicialmente xa nos gustou, aínda que tiñamos as nosas dúbidas sobre como quedaría unha vez realizado, pero realmente o resultado é moi bo”.
Arias tamén agradecía a colaboración da modelo, “que voluntariamente prestaba a súa imaxe para este mural”, así como a do propietario da casa que accedeu a realización desta obra, a da veciñanza e a do Concello. “Esta é unha das moitas iniciativas que temos en mente poñer en marcha nos vindeiros anos”, adiantaba o presidente do CCA.
Deseguido, OrdeCaos explicaba o significado e características deste mural, comezando polo feito de que ten forma de “C” en alusión directa ao CCA. Tamén detallaba a elección e o uso das cores segundo as zonas da obra. “Na parte superior hai unha parte de cores vivos e chamativos porque é o que o primeiro que se ve cando baixas a rúa, despois pasamos a cores fríos e logo cálidos, xogando co paso da mirada pola obra”. Recréase unha escena outonal e, logo na área en branco e negro inclúe a imaxe dunha moza tomada no Porto da Barca, “para destacar a importancia das nosas raíces”, cuxa ollada se centra nunha cesta “como un xeito de simbolizar as compras na vila”.
Xunto á cesta aparece unha cuncha de vieira, como referencia aos peregrinos (tendo en conta que o Camiño de Inverno pasa á beira do mural) aos que tamén vai dirixida esa “mensaxe subliminal”. E a C que forma esta obra culmina coa frecha, que indica que o camiño continúa.
Fotos: A.R.