
No mes das castañas non podía faltar unha campaña alusiva a este froito de outono tan vencellado ao oriente ourensán. O Barco Centro Comercial Aberto segue apostando por innovar e por promocionar os produtos da zona e desta volta faio estreando unha campaña dedicada ao magosto. O seu lema é “Vas levar unha castaña ou máis!”, quizais “un pouco atrevido”, como recoñecía o o 5 de novembro no acto de presentación da campaña o presidente do CCA, Ángel Álvarez, pero o que pretende é convidar á xente a sumarse a esta celebración tan tradicional.
Así ao longo da mañá do 11 de novembro os establecementos asociados ao O Barco CCA repartirán un total de 270 quilos de castañas entre as persoas que realicen compras. Ademais o ambiente estará animado na rúa pola actuación da Charanga Compostela.
Por outra banda, Ángel Álvarez lembraba a colaboración do CCA coa Asociación Española contra o Cancro (AECC), xa que nos locais asociados a esta entidade están á venda gafas e bolsas solidarias por valor de 5 e 3 euros respectivamente. Tamén mencionaba o apoio do CCA á 8ª Carreira dos Santiños que se desputará na mañá do 8 de novembro no Barco.
Máis información na edición en papel do Periódico O Sil