
As novas fórmulas de dinamización comercial para adaptarse aos cambios nos hábitos de consumo e aos protocolos sanitarios esixidos para facer fronte á pandemia están a centrar o I Congreso Galego de Centros Comerciais Abertos (CCAs) e Centros Comerciais Urbanos (CCUs), que se está a desenvolver de forma online dende onte, 10 de marzo.
Na sesión deste 11 de marzo o programa incluía a participación do Barco Centro Comercial Aberto. En concreto, na mesa redonda titulada “Estratexia pública para a reactivación do consumo no pequeno comercio, hostalaría e servizos. Experiencias políticas de incentivo das vendas”. No seu decurso a xerente do CCA barquense, Ainhoa Carracedo, expoñía o proxecto de dinamización comercial “Máis Barco”, unha idea do Concello do Barco desenvolvida a través dun convenio de colaboración entre esta administración local e a Asociación Empresarial de Valdeorras (AEVA), e contando coa colaboración do CCA.
Ainhoa Carracedo explicaba en que consistía esta campaña, que se apoiaba na tarxeta “Máis Barco”, cun saldo de 50€ (dos que 20 eran aportados polo Concello e os 30 euros restantes polo solicitante da mesma). Estas tarxetas, cuxo prazo de uso aínda non rematou, poden utilizarse exclusivamente nos establecementos comerciais e hostaleiros do Barco adheridos á campaña, máis dun cento e que contan cunha identificación no seu exterior.
A xerente do CCA indicaba tamén que durante o prazo establecido para a solicitude e reparto destas tarxetas pedíronse e entregáronse un total de 4.031. Isto supuxo a mobilización de máis de 200.000 euros para gastar nos 115 establecementos barquenses (de todas as ramas da actividade comercial e hostalaría) adheridos á campaña, da que fixo un balance positivo.
Esta iniciativa suscitaba gran interese entre os asistentes ao congreso, que realizaron diversas preguntas para coñecer máis polo miúdo as singularidade e desenvolvemento da campaña “Máis Barco”. Na mesa redonda na que interviña a xerente do Barco CCA tamén participaban Emma Cid, conselleira técnica do Concello da Coruña; Patricia García, xerente de Gasteiz On de Vitoria Gasteiz; Zulema Fresco, represante de Zona Aberta de Vilagarcía. Estas poñentes amosaban diversas experiencias de dinamización comercial xurdidas nesas zonas para facer fronte á crise socioeconómica do Covid

Este primeiro simposio está organizado polo Arteixo Centro Comercial Aberto, que exerce de anfitrión, en colaboración coa Asociación Galega de Xerencia de Centros Comerciais Abertos. O proxecto nace adaptado ás circunstancias actuais, pero coa idea de ter continuidade no futuro, segundo os seus promotores.