En portadaÚltima hora

O Barco cifra en 173.000 euros os danos causados polas inundacións de febreiro

A intención do Concello é comezar canto antes a reparar as zonas afectadas
Beira do Sil no Malecón, afectada polas últimas riadas./ Foto: Ángeles Rodríguez.
Beira do Sil no Malecón, afectada polas últimas riadas./ Foto: Ángeles Rodríguez.

Limpiar e restaurar as zonas afectadas polas inundacións e desbordamentos do Sil de mediados de febreiro é unha prioridade para o Concello do Barco. Así o destacaba o seu alcalde, Alfredo García, na rolda de prensa que convocaba na mañá do 7 de marzo. Nela informaba de que o Concello vén de presentar unha memoria que cuantifica os danos provocados pola auga en diferentes puntos da localidade. “A valoración calculada en execución por contrata ascende a 173.000 euros, aí incluímos danos estrictamente das crecidas e do temporal, sen ter en conta por exemplo as cunetas”, matizaba o rexedor.

As memorias dos concellos afectados remítense á Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), tras os acordos tomados nunha reunión mantida a finais de febreiro entre o presidente desta entidade (o propio alcalde barquense), o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, o delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva, e a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez. Nela dábase un prazo de dez días aos concellos para cuantificar os danos a efectos de que despois poidan optar a algunha axuda por parte da Administración. Aínda así, O Barco comezará xa a traballar nas obras de restauración nesta mesma semana, “hai que empezar a reparar os danos”, di o alcalde.

O alcalde do Barco, Alfredo García, sinalando nun mapa as principais zonas afectadas polas inundacións neste concello./ Foto: Ángeles Rodríguez.
O alcalde do Barco, Alfredo García, sinalando nun mapa as principais zonas afectadas polas inundacións neste concello./ Foto: Ángeles Rodríguez.

Alfredo García apuntaba que entre as principais zonas afectadas polas inundacións no municipio barquense están o Malecón e O Salgueiral, que precisan intervencións de limpeza e de recuperación de camiños. “Tamén temos a zona de céspede danada na zona da desembocadura do Cigüeño”. O rexedor comentaba que outra zona “que pasou máis desapercibida, é a de Ambasaguas, no límite entre o municipio do Barco e Rubiá, onde se produciu como unha especie de falla na estrada, que presenta un corte lonxitudinal. Xa se fixo un arranxo provisional, pero vemos que hai outra zona con pequenas fendas, entón se iso se segue producindo habería que intervir”.

Ademais o alcalde referíase ás zonas situadas na parte da ribeira do Sil dende a desembocadura do Mariñán ata a Praia de Ouro. “Estamos traballando tamén no sentido de buscar solucións para que esa parte do Barco non se inunde. De feito esta tarde manteremos unha reunión en Ourense con técnico da Confederación Hidrográfica Miño-Sil”, adiantaba.

Artigos relacionados

Back to top button