ConcellosEn portadaO BarcoÚltima hora

O Barco crea unha ruta para descubrir a historia dos lugares máis senlleiros da vila

É un percorrido circular con oito puntos que comeza e remata ao final do Malecón, pasando por Viloira e a zona vella barquense

O alcalde do Barco, xunto aos concelleiros de Cultura e Turismo, á beira dun dos paneis da ruta./ Cedida.

 

O Malecón da Arte, o primeiro Malecón, a praza Maior, a Pasarela da Capitana, os Xardíns da Casa Grande de Viloira, a praza Ramón Otero Pedrayoa Ponte de San Fernando e o Camiño de Inverno. Son os oito puntos que compoñen a nova ruta turística urbana que está a poñer en marcha o Concello do Barco e que vai dirixida tanto a visitantes como aos propios veciños.

Así o explicaba o concelleiro de Turismo do Barco, Eladio Santos, esta mañá na presentación da ruta no miradoiro da Ponte de San Fernando, sobre a antiga ponte derrubada hai máis de 60 anos por unha forte riada do Sil. “É un percorrido turístico urbano pola vila que pretende visibilizar os lugares máis emblemáticos e descubrir a súa historia e os seus segredos, tanto para os visitantes como para os barquenses. Trátase de visibilizar estes recursos turísticos e facilitar que os visitantes acompañen o paseo co descubrimento dalgúns lugares de interese”, indicaba Eladio Santos, que estaba acompañado polo alcalde do Barco, Alfredo García, e pola concelleira de Cultura, Margarida Pizcueta.

A iniciativa apoiase en tres ferramentas. A primeira delas será unha serie de paneis informativos e turísticos nos puntos establecidos na ruta, que ten un carácter circular. “Son oito paneis no percorrido, que nace ao fondo do Malecón, na zona do Xardín Botánico. A partir de aí traxecto segue polo Malecón, rúa Real, logo cruzaremos a pasarela na zona da Capitana, iremos por Viloira, Xardíns da Casa Grande e praza Otero Pedrayo, para deseguido continuar no miradoiro da Ponte de San Fernando e remataremos baixando polo Camiño de Inverno, pola rúa San Roque”, adiantaba Santos.

O paneis incluirán un pequeno texto divulgativo, algunhas imaxes e o mapa do percorrido, e tamén un código QR, unhs segunda ferramenta, coa que se poderá obter máis información en forma de texto, en forma de imaxes (de 360º e de realidade aumentada). Tamén haberá pequenos vídeos en cada un dos puntos e, nalgún caso, audios de textos que facilitados por investigadores do Barco.

 

 

“Está o panel físico e logo o QR que enlace dixitalmente coa información e a terceiro ferramenta serían os folletos informativos, onde está sintetizado todo o que é o proxecto: o percorrido, cun pequeno resumo do texto, imaxes dos oito lugares e no reverso o plano do percorrido urbano do que falamos e os cógidos QR que enlazan ao material dixital. Estes folletos estarán dispoñibles tanto na Oficina de Turismo no Barco, como noutras coas que temos relación, e tamén estarán a disposición dos visitantes dos establecementos de hostalaría para que cando veñan ao Barco paseen polo Barco”, resaltaba o concelleiro de Turismo.

 

 

A documentación que completa a ruta

Eladio Santos indicaba tamén que na preparación desta ruta contouse con diferentes colaboracións. “Foi un traballo dos Servizos de Cultura e de Turismo do Barco, xunto coa empresa instaladora e tamén a participación dalgunhas persoas do Barco ás que lle pedimos apoio e que participaron de xeito desinteresado, como o IEV que nos cedeu fondos para obter información, o profesor Francisco Cobo fixo unha colaboración escrita dun audio que estará no punto do Porto da Barca; Lucía Yebra, que cedeu unha plumilla do artista barquense Rubén Álvarez, para un dos paneis; Anxo Santomil cedeu imaxes e a posibilidade de utilizar o seu vídeo de recreación da caída da ponte de San Fernando, ao que pode acceder dende o código QR. Tamén colaborou Foto Ismael que cedeu tamén algunhas das imaxes e, por último, José Luis Casas que nos cedeu o seu estudo para a gravación dos audios”, apuntaba o concelleiro de Turismo.

 

 

Percorrido pola ruta o 31 de agosto

Como paso definitivo da posta en marcha desta ruta urbana, o Concello do Barco ten previsto organizar o vindeiro 31 de agosto pola tarde un percorrido guiado por este traxecto ao que convida á cidadanía. “Contaremos coa participación de coñecedores do Barco, tanto dos recursos históricos como tamén dos valores de interese natural, e queremos convocar á poboación para que participe”, concluía o edil de Turismo.

Pola súa banda, o alcalde do Barco, Alfredo García, incidía en que “buscamos que a xente coñeza a historia do Barco e que o faga paseando pola vila. Penso que é un xeito interesante de poñer en valor o Barco, que ten moito que contar”.

 

Artigos relacionados

Back to top button