En portadaÚltima hora

O Barco de Valdeorras entrará en nivel alto de restricións

Na xornada deste mércores 14 de xullo a vila ronda os cen positivos, con 96 casos activos de Covid, 18 máis que onte

Praza do Concello do Barco./ Foto: A.R.

 

Ourense, Barbadás, A Illa de Arousa, Cambados, Vilagarcia de Arousa, Vilanova de Arousa e O Barco de Valdeorras. Son os concellos que segundo vén de informar o conselleiro de Sanidade Julio García Comesaña en rolda de prensa, estarán en nivel alto de restricións.

A medida era tomada polo Comité clínico que asesora á Xunta de Galicia na xestión da pandemia provocada polo covid-19, tralo considerable aumento da incidencia acumulada nestes concellos. Neste nivel, os parques e xardíns públicos e praias pecharán entre as 00:00 e as 06:00 horas; non está permitido o consumo no interior dos establecementos de hostalaría e restauración; o aforo nas terrazas pasa ao 50%; e péchase o ocio nocturno. Ademais recoméndase a limitación de grupos de seis persoas en espazos pechados e quince ao aire libre agás conviventes.

No nivel medio estarán O Carballiño, Culleredo, Porto do Son, Sarria, A Pobra, Marín, Pontevedra, Redondela, Vigo, Caldas de Reis, Salceda, Boiro. Ribadavia,Sanxenxo e Poio estarán en vixilancia especial porque están ao límite do nivel alto.

Estas medidas entrarán en vigor ás 00 horas do vindeiro venres, 16 de xullo.

96 positivos no Barco

Malia que o ritmo de contaxios parecía ralentizarse nos últimos días na vila barquense, na xornada deste mércores 14 de xullo rexístranse 18 novos casos activos no municipio, segundo os datos facilitados polo Sergas, co cal a cifra de infectados ascende a 96, a tan só catro positivos de superar os 100.

A incidencia acumulada supera os 700 casos por 100.000 habitantes.

Artigos relacionados

Back to top button