ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

O Barco de Valdeorras pon en marcha o programa “Camiños Escolares”

Instalarase en todos os colexios da vila empezando polo CEIP Plurilingüe Condesa de Fenosa

Conciliar a vida laboral e familiar no ámbito educativo, conseguindo unha maior autonomía para os nenos (facendo que pouco a pouco teñan capacidade para ir e vir sós do colexio); e liberar o tráfico de vehículos a motor nas horas punta de entrada e saída dos centros escolares, son os obxectivos cos que xurde o programa “Camiños Escolares”. Unha iniciativa incluída no programa electoral do equipo de goberno do Barco de Valdeorras, que despois de dous anos de traballo, estase poñendo en marcha.

A presentación do programa tiña lugar no mediodía do 28 de maio no Concello do Barco, por parte das concelleiras de Educación e Medio Ambiente, Margarida Pizcueta e Diana Urdangaray e dous membros da Policía Local, responsables da Educación Viaria, e nela, aseguraron que a idea é implantalo pouco a pouco nos catro centros de Educación Infantil e Primaria da vila, pero de momento farano no CEIP Condesa de Fenosa. “Será unha etapa de proba e o 11 de xuño farase unha especie de simulacro para ver como funciona correxindo os faios que poida ter e mellorando, de cada ao vindeiro curso”, explicou o axente Lozano.

A concelleira de Medio Ambiente pola súa banda adiantou xa hai preto de 40 nenos apuntados e neste tempo de proba “irán pais colaborando para indicar o tempo necesario en cada ruta, indicando os posibles perigos ou melloras a aplicar”. Ademais os centros avisarán en caso de que un neno non chegue ao colexio.

Nesta primeira fase a desenvolver no Condesa de Fenosa establecéronse tres rutas: a ruta 1 parte do Camiño Real e vai polo Paseo do Malecón e as rúas Coruña e Calabagueiros. con pisadas e puntos de encontro pintados no chan de cor azul; a ruta 2 parte de Marcelino Suárez, pasa por Conde Fenosa, rúa Lugo e Calabagueiros (cor verde); e a ruta 3 parte dende Euloxio Fernández, pasando por Penas Forcadas, Lugo e Calabagueiros (cor vermella). “O que están pintando son os puntos de encontro que haberá en cada unha onde se irán unindo os nenos”, explica Diana Urdangaray.

A iniciativa parte do Concello en colaboración coa Policia Local que é a que determina as rutas e delimita camiños, entre outras cousas, pero o groso do traballo será para os centros, aínda que a idea é que colaboren tanto o centro, como os pais e mesmo os establecementos comerciais da vila.

Fotos: Mónica G. Bellver.

Artigos relacionados

Back to top button