ConcellosÚltima hora

O Barco e Trives, entre os destinos galegos da 14ª promoción de Policía Local

A partir de agora comezarán as súas prácticas nos respectivos concellos

 

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, visitou hoxe a 14ª promoción de policía local que se forma na Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP). O encontro organizouse con motivo da despedida ata outubro dos 117 alumnos e alumnas que a conforman, para desenvolver as prácticas nos respectivos concellos.

A meirande parte do alumnado formado cubrirá prazas convocadas por 29 municipios. Así na provincia de Ourense os destinos son A Pobra de Trives, O Carballiño e O Barco de Valdeorras. Na da Coruña, os destinos son A Coruña, Betanzos, Fene, Ferrol, Narón, Ordes, Ortigueira, Porto do Son, Ribeira, Santiago de Compostela e Valdoviño. Na de Lugo, cubrirán prazas Foz, Lugo e Viveiro, e Pola súa banda, en Pontevedra, os destinos son Bueu, Nigrán, O Grove, O Rosal, Ponteareas, Pontevedra, Redondela, Salceda de Caselas, Sanxenxo, Tomiño, Tui e Vilagarcía de Arousa.

A maiores, hai tamén alumnado procedente dos procesos de selección dos concellos de Oleiros, Boiro e Lalín, e do último proceso de selección de Policía Local de Vigo, que vén de sumarse ao convenio de colaboración entre a Xunta e os municipios galegos ao que están adscritas 89 entidades locais das 127 con corpos de Policía Local.

No encontro, Santiago Villanueva felicitou o alumnado polo seu esforzo no proceso de aprendizaxe e pola vocación de servizo público que demostra ao orientar o seu futuro laboral á protección e defensa das súas veciñanzas. Tamén tivo palabras de recoñecemento para o equipo da AGASP, que coa súa profesionalidade e ben facer contribúe a que Galicia conte con persoal cualificado para afrontar os importantes retos que supón a seguridade cidadá.

 

 

Centro de referencia

A AGASP é o centro de referencia na formación das forzas e corpos de seguridade en Galicia, xa que ademais de preparar as novas promocións de Policía Local ofrece accións formativas con contidos actualizados e adaptados á realidade do seu traballo diario e dos servizos de emerxencias que garanten a seguridade da poboación galega.

Nesta liña, no primeiro semestre do ano a Academia realizou 64 cursos con máis de 1.400 prazas no plan de formación continua, dirixido ao persoal da Policía Local e os profesionais dos corpos e forzas de seguridade do Estado que traballan en Galicia -isto é, Policía Autonómica, Policía Nacional e Garda Civil-. En concreto, impartíronse 42 módulos presenciais  de 775 prazas e outros 22 con 705 vacantes na modalidade de teleformación. As accións abarcan tanto cursos de operativa policial, orientados ás condicións psicofísicas dos policías e autodefensa, como en materias de ámbito social ou o tratamento de persoas en especial vulnerabilidade e menores.

Artigos relacionados

Back to top button