Cos votos a favor do partido socialista, do BNG e de Riada Cidadá saía adiante na sesión plenaria celebrada no Barco neste 3 de decembro unha moción presentada por esta última formación política e na que se plantexaba “instar á Xunta de Galicia a distribuír máis equitativamente os investimentos provinciais consignados nos orzamentos do ano 2021”.
O voceiro de Riada Cidadá, Félix García, aseguraba que os orzamentos galegos seguen “na dinámica de priorizar á Galicia atlántica en detrimento das comarcas rurais do interior. Aínda que isto é grave para a cohesión interprovincial, acrecéntase cando se desgregan os investimentos a realizar dentro da provincia de Ourense. Así concéntranse na cidade e contorna de Ourense, mentres se minusvaloran as necesidades do resto do territorio e as xentes da provincia”.
Botando man das cifras, o concelleiro de Riadá Cidadá concretaba que, “de 64.500.000 euros de investimentos previstos no 2021 para a provincia, a área metropolitana absorbe 40.240.000 euros”. E, ía máis aló, asegurando que “se a discriminación é patente nas cifras globais ou porcentuais cara o mundo rural provincial polo que respecta a Valdeorras se volve un escándalo”. Félix García cre que non “hai vontade real de aportar un euro a partidas orzamentarias tan necesarias na comarca” como son, entre outros proxectos, a construción do novo centro de saúde da Rúa, “a necesidade de intervir na OU-536 da Rúa á Trives; ou realizar a conexión entre a N-120 e a OU-636, estrada de Viana; partidas para rebaixar o prezo do chan e ampliar os polígonos industriais dos concellos”.
O BNG amosaba o seu apoio á moción, así como o partido socialista, cuxo voceiro municipal, Aurentino Alonso, incidía nas “necesidades da comarca a nivel mobilidade”, con referencias directas á demanda dunha mellora da estrada OU-533 (A Rúa-A Gudiña), “que nos vai conectar coa alta velocidade”. Ademais aseguraba que percorrera hai pouco esta estrada entre “Viana e A Gudiña e só hai 470 m para adiantar en cada sentido en 20 km, esa é a situación”.
Pola súa banda o PP amosaba o seu apoio aos orzamentos a Xunta e poñía o foco na falta de investimento en infraestruturas por parte do Estado, cunha referencia directa á A-76. Finalmente, a moción resultaba aprobada con 12 votos a favor e con cinco en contra (os dos concelleiro do PP).

Mellora do entorno da Casa Grande de Viloira
Ademais resultaba aprobada (coa abstención do PP) unha moción presentada polo BNG pedindo unha intervención para mellorar o entorno da Casa Grande de Viloira. O seu voceiro municipal, Suso Vilasánchez, pedía realizar ao longo do 2021 “o empedrado ou pavimentación do paseo Bienvenido Miguélez, que actualmente atópase sen el, con claras sinais dos regueiros e charcos invernais que deterioran o paseo e dificultan o tránsito peonil”, así como “unha actuación de control vexetal e de arboado nos xardíns da Casa Grande” e acondicionar o coñecido como “aparcadoiro da Casa Grande e ao que se accede a través da rúa Elena Quiroga, para deixalo o maiormente posible en similares condicións ao resto dos aparcadoiros da vila”.
O concelleiro do PP, Carlos Javier Crespo, aseguraba que o seu grupo estaba de acordo con esa intervención, pero xustificaba a abstención asegurando que “antes haberá que determinar claramente a quen lle corresponde realizar ese gasto”.
Si respaldaban o texto Riada Cidadá e o PSdeG-PSOE. Neste último caso, o portavoz socialista Aurentino Alonso indicaba que “xa hai un proxecto de pavimentación que está en mans de Patrimonio para determinar que tipo de pavimento se pode usar” e que a actuación está incluída no Plan de Obras 2020-2030. Finalmente, aseguraba que “o control vexetal do xardín xa se lle encargou á empresa que está facendo a poda no Barco” e que o aparcadoiro exterior si se dotará orzamentariamente “e farase un acondicionamento”.
Fotos: A.R.