ConcellosÚltima hora

O Barco lembra a través do teatro a caída da antiga ponte de San Fernando hai 60 anos

O Teatro Lauro Olmo enchíase para asistir á representación "A ponte afogada" de Gargallada Teatro o 28 de decembro

 

A construción e o derrubamento da vella ponte barquense de San Fernando contada dende o escenario. A través da obra “A ponte afogada” a vila valdeorresa vén de conmemorar na tarde do 28 de decembro no Teatro Lauro Olmo o 60 aniversario da caída desta ponte, que conectaba O Barco con Viloira.

Ese suceso acontecía pasadas as seis e media da tarde dun 27 de decembro, domingo, de 1959. Nese momento numerosas persoas de Viloira estaban no cine do Barco, cuxas proxeccións remataban ás 19h. Isto evitou un desastre maior, tal e como sinalaba a concelleira de Cultura, Margarida Pizcueta, ao inicio do acto, lembrando ademais que no suceso falecía unha soa persoa, Manuel Conde.

Deseguido, poñíase en escena “A ponte afogada”, interpretada por Gargallada Teatro e duns 20 minutos. Esta peza está construída a partir da obra  “Polos camiños do Tempo”, de Gustavo Docampo. Conta con tres escenas nas que se aborda o proxecto e a construción da ponte, así como a nova da súa caída e a súa lembranza.

 

 

Ademais a representación incorpora elementos sonoros como unha gravación orixinal de Ondas del Sil, emisora da época, e un vídeo de Anxo Santomil que recompón visualmente, a través de fotografías dese momento, a chea do río que provocaba o derrubamento desta infraestrutura.

O Teatro Lauro Olmo enchíase de público de moi diferentes idades para asistir a esta función teatral, dirixida por Pilar Alonso e Manuel Caramés e interpretada por Lalo Santos, Xosé Luís Conde, Manuel Caramés e Manuel González. Na iluminación e o son estaban Jorge Álvarez e Vanesa Yáñez.

Ao seu remate abríase ao público na entrada do Teatro Lauro Olmo a exposición coa que se lembraba hai dez anos a caída da ponte.

Fotos: A.R./ Carlos G. Hervella.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button