ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

O Barco pedirá a rehabilitación integral do firme da N-120

A Corporación aprobaba unha moción nese senso no pleno do 4 de maio, no que tamén se felicitaba a un policía local e a un membro do GES Valdeorras polo seu labor nun rescate

Ao longo de máis de “90 km de traxecto a estrada N-120 atópase nunha situación de deixadez e abandono por parte dos responsables do seu mantemento”. Así o aseguraba o portavoz socialista na Corporación barquense, Auretino Alonso, na presentación da moción que o seu grupo presentaba no pleno do 4 de maio. “Fochancas, badéns, irregularidades na planeidade do firme, fendas, fisuras e desniveis son algúns dos danos que, de xeito contínuo, van aparecendo a medida que avanzamos por este tramo de estrada, que o están a converter nun lugar moi perigoso para circular, no que calquer día se vai producir un accidente se non se lle dá unha solución urxente”, abundaba Alonso.

A moción socialista, que resultaba aprobada por unanimidade, conclúe instando ao Goberno central a que “con carácter inmediato e de urxencia, inicie os trámites que sexan necesarios para dotar economicamente as partidas oportunas que permitan licitar e levar a cabo a rehabilitación integral do firme da calzada da N-120 entre o límite da provincia da provincia de Ourense e o PK 530”. E tamén insta ao goberno central a que “se leven a cabo as actuacións necesarias para que no tramo entre Sober e Ourense se poda dotar á estrada N-120 de espazos seguros de adiantamento tanto nun sentido como noutro, a unhas distancias non maiores ás que se atopa o terceiro carril nos tramos nos que este se habilitou”.

O voceiro do PP, Arsenio Moldes, grupo que apoiaba a moción, recoñecía que esta estrada “non está nas súas mellores condicións para o seu uso seguro e eficiente” e destacaba a súa importancia como “principal vía de comunicación de Valdeorras”. Tamén respaldaba a moción Riadá Cidadá, cuxo representante, Félix García, indicaba que “compartimos os argumentos do PSOE e o sufrimos tamén”.

Felicitación

Outro dos puntos da orde do día que tamén resultaba aprobado por unaminidade era a proposición presentada polos voceiros do PSdeG-PSOE, PP e Riada Cidadá relativa á felicitación a un policía local. José Mondelo, e a un membro do GES Valdeorras, Fernando Valcarce, “polo traballo desenvolvido no rescate” dunha muller dun pozo cartesiano no Barco o pasado 22 de marzo.

Fotos: Ángeles Rodríguez.

Artigos relacionados

Back to top button