EconomíaEconomíaÚltima hora

O Barco reacciona ante a chegada da velutina e comeza a trampear

Vanse colocar trampas en varios puntos do casco urbano, fundamentalmente nas zonas do río próximas ao lugar onde a semana pasada se localizaba un niño primario desta avespa

 

Exemplar de vespa velutina./ Foto cedida.

Apenas uns días despois de que se atopase no Barco o primeiro niño primario de vespa velutina en Valdeorras xa se están tomando medidas. Dende o Concello do Barco vaise poñer en marcha unha campaña con dúas vertentes. Unha delas será a informativa, a través dun cartel para que a poboación poida recoñecer e identificar este tipo de avespas fronte a outras especies. “Con isto preténdese que todos os veciños saiban recoñecer á vespa velutina, así como as maneira de actuar en caso de localizar un niño destes insectos e a forma de crear as trampas para atrapalos”, segundo se informa dende a administración local barquense.

Por outra banda, o Concello procederá a partir deste 3 de maio á colocación de trampas en varios puntos do casco urbano, “fundamentalmente nas zonas do río próximas ao lugar onde a semana pasada localizouse un niño de vespa velutina,” co fin de “atrapar os exemplares que puideran existir na zona. Este traballo, así como o control e restitución das trampas e a posible destrución dos niños que no seu caso se localicen, será realizado polos integrantes do GES Valdeorras”, segundo o Concello do Barco.

Esta campaña realizarase en colaboración coa Asociación Valdeorresa de Apicultores, que preside Armando Rodríguez. O rexedor barquense, Alfredo García, reuníase recentemente con responsables desta asociación para estudar as medidas que se levarían a cabo de forma inmediata.

 

Cartel da campaña informativa do Concello do Barco.

Artigos relacionados

Back to top button