En portadaÚltima hora

O Barco suspende as actividades festivas do Cristo e propón un programa alternativo

Incluirá actividades ao aire libre para os días 11, 12, 13 e 14 de setembro, segundo informa o Concello

Publicidade
Imaxe do Campo da festa durante unha celebración anterior do Cristo no Barco./ Foto: A.R.

 

“Este ano non se celebrarán as actividades lúdicas habituais durante as festas patronais do Cristo. A situación sanitaria actual aconsellou a suspensión de todas elas para contribuír a garantir a saúde dos veciños e visitantes”. Así o vén de comunicar o Concello do Barco.

Como alternativa, o goberno local ten previsto un programa cultural con motivo datas, con actividades ao aire libre para os días 11, 12, 13 e 14 de setembro. A intención do Concello é “crear algo de ambiente lúdico, con música, teatro, pasarrúas e outras actividades, para a fin de semana na que debería ter lugar a festa, e tamén o luns, 14 de setembro, día grande e festivo local no Barco de Valdeorras”, segundo adianta o Concello do Barco.

Así mesmo, dende a administración local indícase que a “boa experiencia do ciclo de concertos ao aire libre (Terrasón 2020), onde se logrou o obxectivo marcado de animar as zonas de ocio, con aforos limitados e todas as garantías sanitarias, anima a posta en marcha deste programa nestas datas”.

Tamén se destaca que na realización dos actos que se celebren en puntos fixos adoptaranse as medidas de seguridade sanitaria establecidas para este tipo de actividades.Tamén hai que recordar aos veciños a necesidade de manter as normas de protección (uso de máscara, distancia de seguridade, etc) establecidas para circular ao aire libre en Galicia.

Ademais, dende o Concello resáltase que poderá suspenderse “parte ou toda a programación, se a situación sanitaria así o aconséllase”.

Artigos relacionados

Back to top button