
Tras anos correndo na modalidade convencional, Diego Teixeira enfocaba á súa afección polo enduro cara a modalidade extrema e a vindeira fin de semana terá unha cita moi especial: correr no Hixpania 2022, a última carreira do mundial de enduro extremo, na categoria máxima, que se celebra en Aguilar de Campoo (Palencia) do 7 ao 9 de outubro.
Para o piloto barquense esta será unha experiencia nova xa que nunca participou nunha carreira dun mundial e “moito menos na categoría profesional”, puntualiza, polo que a toma como unha gran oportunidade para divertirse practicando o seu deporte faborito e saber o que é correr cos mellores pilotos do mundial de hard enduro. “Seguro que me dobrarán como dúas veces, pero será bonito vivir esta experiencia polo menos unha vez na vida e, despois de correr varios anos en enduro convencional, saber o que é o ambiente e a dureza dun mundial”, di Teixeira.

Con todo, ademais de participar leva como obxectivo tentar loitar nos pases clasificatorios do venres e do sábado para entrar entre os 50 mellores e correr a extrema do domingo. “Só poden correr os 50 primeiros clasificados os demas quedan fóra”, adianta este piloto que leva o enduro no sangue e aproveita canta oportunidade ten para subir na moto e competir.