Cun total de 80 inscritos, entre os que estaba o piloto barquense Diego Teixeira, arrincaba o domingo 21 de abril a 5ª proba do Campionato de España de Hard Enduro, na Peroxa (Ourense).
O terreo, húmido e rochoso, foi testemuña dunha “carreira espectacular na que os pilotos gozaron dun gran percorrido onde o bosque galego resultou perfecto para o desenvolvemento da competición”, aseguran dende a organización, destacando a loita pola vitoria como nota dominante con “pilotos de primeiro nivel que pelexaron ata o final por subir ao podio.
Mario Román foi o único capaz de completar 6 voltas ao percorrido para gañara a carreira. Francesc Moret era segundo e Marc Riba terceiro. Diego Teixeira completaba tres voltas sendo noveno, nunha carreira seguida por un entregado público, varios chegados dende Valdeorras.
Fotos e vídeo cedidos.