En portadaÚltima hora

O barquense Jesús Rodríguez loitará por unha nova vitoria en K-1 sénior no Descenso do Sil

Unhas 300 embarcacións tomarán a saída dende Sobradelo o sábado 14 de setembro ás 18h. A meta estará no Malecón do Barco

Jesús Rodríguez (Club Fluvial Barco), entrando en meta tras vencer na pasada edición do Descenso do Sil no Barco./ Foto: Ángeles Rodríguez.

 

O LIII Descenso do Sil-Memorial Julián Trincado, unha cita emblemática e multitudinaria das Festas do Cristo do Barco, celebrarase neste ocasión no día grande desta celebración: o 14 de setembro. Este ano, como novidade, terá como limiar o 1º Descenso Turístico do Sil en piraguas populares, cuxa saída darase ás 16h. e terá como meta o Cachón.

Para as 18h. está programado o inicio do descenso competitivo. Antes, aquelas persoas que queiran ver a saída en Sobradelo poderán coller o tren fluvial gratuíto, que partirá da estación de ferrocarril barquense ás 17:30h. Despois de que se dean todas as saídas, ás 18:15h., o tren regresará ao Barco, facendo ademais diversas paradas neste traxecto que lle permitirán aos viaxeiros ir seguindo a competición. A súa chegada á vila está prevista para sa 18:40h.

 

Público seguindo o Descenso do Sil do 2018 na zona barquense do Cachón./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Nesta edición do descenso (organizada novamente pola a Concellería de Deportes do Barco e pola Federación Galega de Piragüismo en colaboración co Club Fluvial Barco) tomarán a saída preto de 300 embarcacións (K-1, K-2 e C-1) de clubs de diferentes puntos de Galicia e mesmo dalgún de fóra. Novamente o Club Fluvial Barco contará cunha ampla representación en diversas categorías. Entre os seus padexeiros estará, de seguro, Jesús Rodríguez León, que loitará pola súa 18ª vitoria consecutiva no Sil. Tomará a saída en K-1 sénior.

A meta da proba estará, como vén sendo habitual, na praia fluvial do Malecón do Barco.

 

Artigos relacionados

Back to top button