Tan só unhas milésimas separaban da vitoria ao piloto barquense Leo Pérez Pereira no circuíto do Porriño. Alí corría este 27 de setembro a penúltima proba do Campionato galego de karting na categoría alevín. Aínda así, o valdeorrés (que corre cn BRM e con motores de Javier Modroño) saboreaba a súa prata nesta cita, na que ademais batía o récord do circuíto na súa categoría.

Tanto na semifinal como na final Leo Pérez quedaba segundo, pero en ambos casos por milésimas, sendo o campión da cita Daniel Fontela. “Leo fixo dous carreiróns, a diferenza co primeiro clasificado foi de 58 milésimas na semifinal e de 54 na final, entraron nas dúas probas en paralelo. O ganador é ademais un rapaz de terceiro ano e que coñece moi ben o circuíto, xa que vive moi preto del. Esta mañá, nada máis levantarse, Leo díxonos que hoxe era o seu día, que ía ganar, e a verdade é estivo moi cerca de conseguilo, estamos moi contentos”, destaca o seu pai, Julio Pérez moi satisfeito polo resultado. Ademais Julio Pérez destacaba o cambio que están notando ao competir con motores de Javier Modroño.
A falta dunha única carreira na competición galega alevín de karting, a finais de outubro en Forcarei, a posibilidade de podio está complicada, pero non perdida. Aínda así, Julio Pérez fai un balance positivo do que está sendo a tempada deportiva do seu fillo e pensa xa na seguinte, na que continuará como alevín con moi claras opcións de títulos.
Fotos cedidas.