Volven os descensos en bicicleta á Estación de Montaña Manzaneda. Os afeccionados poderán gozar do Bike Park a partir desta fin de semana con novidades xa que as súas nove pistas de diferente dificultade súmase unha nova entre os niveis vermello e negro e que foi denominada Sender Line. Este novo percorrido conta con 12 saltos medianos e grandes, 4 mesetas, 3 step up, 2 hips, 1 dobre, 2 speed jump, 7 sharkfin para ambos os lados (peralte terminado en salto) e 8 peraltes grandes que veñen sumar máis adrenalina ao circuíto.
Na Estación de Montaña Manzaneda as pistas identifícanse cun código de cores en función do grao de dificultade: as verdes son as máis sinxelas, as azuis as intermedias, as vermellas resérvanse para un nivel avanzado (como é o caso da nova pista) e as negras exclusivamente para expertos. A maiores, habilitouse unha morada denominada Os Miradoiros para BTT. Así “Manzaneda propón opcións para todos os niveis, desde os principiantes ata os expertos, apostando para que as visitas tamén se poidan realizarse en familia”, aseguran dende a Estación.
Na clasificación de cor verde atópanse as pistas de Xeitosa e Medras. Subindo a dificultade ata a cor azul atópanse Carqueixa e Avalancha. Na primeira, os deportistas enfrontaranse a algúns saltos artificiais de pouca dificultade e sempre con alternativa para os que non queiran despegar as súas rodas do terreo máis do imprescindible. O circuíto Avalancha manterá o nivel de Carqueixa, con algún salto artificial, pasos por bosque con curvas ben debuxadas e terreo ideal, tamén con alternativas para os que non sentan preparados para voar e prefiran a seguridade de levar a súa bici pegada ao chan. O nivel sobe ata a cor vermella en Festuca, Cabra Caveira, Rochas e a nova Sender Line. Por último, en cor negra atópase a pista da Secreta.
Os afeccionados aos descensos en bicicleta de montaña poderán gozar do Bike Park todas as fins de semana ata o 6 de outubro. Ademais, xa finalizaron os traballos de reparación do telecadeira por parte de empresa francesa que construíu o remonte principal da Estación de Montaña, POMA, e os visitantes e bikers poderán acceder a el en horario de 10 a 13 horas e de 14 a 17:45 horas, cando se efectuará a última subida. Os despachos de billetes estarán dispoñibles de 9 a 18 horas.





