PolíticaÚltima hora

O BNG celebrará a XVII Asemblea Nacional co “reto histórico de presidir a Xunta”

O Consello Nacional aproba as teses políticas e de organización que agora debaterá a militancia nas comarcas de cara a cita do 7N na Coruña

 

O Consello Nacional vén de acordar a celebración da XVII Asemblea Nacional do BNG que terá lugar o 7 de novembro na Coruña aprobando, ademais, os textos do regulamento e das teses políticas e de organización que serán agora debatidas pola militancia en todas as comarcas galegas. Será unha cita asemblearia na que “o BNG rematará un ciclo político e abrirá un novo, marcado polo reto histórico de liderar o Goberno de Galiza disputándolle a hexemonía ao PP”, segundo a formación nacionalista.

“Nada disto sería posible sen o traballo intenso da organización, da militancia e simpatizantes e dunha liña política que conseguiu conectar con miles de galegos e de galegas. Sen renunciar a ningún dos nosos principios conseguimos situarnos como alternativa ao PP”, salientou a portavoz nacional, Ana Pontón, na súa intervención.

Nesta situación, pediu non caer “no conformismo ou na rutina” e redobrar esforzos para afrontar os retos que hoxe ten o Bloque para dar respostas ao que a sociedade reclama: fortalecer a organización e ampliar a base social; -“porque sen esa fortaleza calquera avance terá os pés de barro”-; gañar apoio electoral nas eleccións municipais e no Congreso e “prepararse para un obxectivo de primeira magnitude: presidir a Xunta”, proclamou.

“Por primeira na historia, o BNG ten a posibilidade real de encabezar o Goberno e iso require que sexamos capaces de estar á altura do que a sociedade espera de nós. Hoxe lideramos a oposición, en 2024 temos que liderar Galiza, ese é o gran reto que temos diante para darlle un futuro de esperanza aos galegos e as galegas”, proclamou Pontón. Porque tras doce anos de gobernos “en contra” de Galiza, alegou, urxe un Goberno “a favor”, que só será posible baixo o liderado do BNG pero non de forzas estatais supeditadas a Madrid e aos intereses dos seus poderes económicos.

Neste contexto, o BNG urxe un cambio en clave galega que pasa por “disputarlle a hexemonía a un PP que deixa unha Galiza cada vez máis pequena, con menos oportunidades”, tres anos por diante, subliñou, “para avanzar nun BNG cada vez máis amplo, sumando a todas as persoas que queren esa outra Galiza posible, máis igual, máis xusta, máis democrática, máis feminista, na que poder vivir e traballar”.

 

 

Ampliar a base social

“Construír un futuro mellor só ten un camiño: ampliar a base social do BNG para liderar a presidencia do País”, proclamou, un reto de tal envergadura que motivou que abrira un período de reflexión persoal. “Creo que o responsable é valorar todas as opcións para acertar e, en función do que valore como mellor para Galiza e para o BNG tomarei as decisións”, explicou ante o Consello Nacional.

Nese reto, a líder nacionalista aposta por multiplicar o traballo social en conexión co traballo institucional, e ser “a caixa de resonancia” dos grandes tema socias, como a factura da luz, a sanidade pública, o coidado dos maiores, a perda de servizos no rural, ou poñer a riqueza a favor das familias, da clase traballadora e das empresas.

“Seguiremos a ser a voz da cidadanía indignada coa estafa da luz, en defensa da sanidade pública fronte ós recortes do PP, a voz a favor dun nomo modelo de residencias, a que defenda que a riqueza do País debe usarse a favor das familias, da clase traballadora e das empresas, en defensa do medio ambiente e dunha Galiza verde, e a voz que coloque Galiza na axenda política do Estado, fronte a submisión das forza estatais”, enumerou.

Ao que se suma o papel do BNG “como muro de contención contra os discursos do odio e da intolerancia e a favor dos dereitos das persoas e dos pobos”. Igualmente, chamou a atención sobre a necesidade de evitar que o descontento no actual contexto de crise se traduza en “pasotismo, frustración e desmobilización porque iso só favorece ás forzas políticas que queren manter un status e un centralismo nocivo para Galiza”, explicou.

“Con esta maneira de facer política cada vez máis cidadanía verá no BNG o seu referente e a mellor ferramenta para ganar un futuro mellor”, concluíu, convencida de que da Asemblea Nacional “sairá un BNG con máis forza que nunca para traballar a favor do País”.

Artigos relacionados

Back to top button