Eleccións Xerais 2023PolíticaÚltima hora

O BNG comprométese a defender no Congreso dos deputados os intereses de Valdeorras

Noa Presas, número 1 do BNG por Ourense ao Congreso, visitaba esta maña A Rúa

 

A cabeza de lista do BNG por Ourense ao Congreso, Noa Presas, e a alcaldesa da Rúa, María G. Albert, chaman “a facer historia  nas eleccións xerais do vindeiro 23X sacando unha deputada nacionalista pola provincia que defenda os intereses da comarca de Valdeorras para rematar coa discriminación que vén sufrindo polos sucesivos gobernos estatais de PSOE e PP”. Superar o déficit en materia de infraestruturas, sobre todo ferroviarias, e ampliar os servizos da comarca serán dúas das reclamacións principais que Presas asume para levar ao Congreso cando sexa deputada.

A deputada galega e cabeza de lista ao Congreso por Ourense, Noa Presas, que visitaba hoxe A Rúa, acompañada tamén por concelleiros nacionalistas deste municipio, do Barco e Vilamartín, sinalaba a necesidade de que o vindeiro Goberno do Estado remate do déficit histórico que sofre Valdeorras, sobre todo en materia de infraestruturas. “Os sucesivos gobernos do Estado, independentemente de que estivesen PP ou PSOE, levaron a comarca de Valdeorras á marxinalidade. O BNG comprométese a rematar con esta discriminación co obxectivo claro de que Valdeorras conte e teña voz no Congreso”, dicía Presas.

“Cun grupo galego forte en Madrid seríamos capaces de condicionar, permanentemente, as actuacións do Goberno. Xa temos presentados diversas iniciativas, alén das emendas aos Orzamentos, para acometer actuacións necesarias na N-120 e a A-76 ou o saneamento dos ríos Casoio e Sil, así como a mellora e ampliación dos servizos ferroviarios nas estacións da Rúa e do Barco de Valdeorras” afirma a cabeza de lista do BNG por Ourense.

Presas explica que Ourense está “nun momento histórico para rematar co bipartidismo PP-PSOE, conseguindo que, por primeira vez, haxa unha representante do BNG elixida por esta circunscrición. Rematar coa discriminación e defender os intereses de Valdeorras”.

Pola súa parte, a alcaldesa do Concello da Rúa, María G. Albert, puxo en valor o traballo do único deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego levando decenas de iniciativas na defensa dos intereses da comarca de Valdeorras e, nomeadamente, da Rúa. Pola contra, os deputados e deputadas ourensáns, de PP e PSOE, non as apoiaron. “Terán que explicar por que se negaron, por exemplo, a rehabilitar o firme da N-120 e mellorar así a seguridade viaria. Ou por que non apoiaron incorporar partidas orzamentarias suficientes para levar a cabo a A-76” subliña Albert.

Artigos relacionados

Back to top button