
O pasado luns día 11, unha vez finalizadas as festas de Nadal, deberíase ter celebrado no Concello da Rúa o Pleno Ordinario correspondente ao mes de xaneiro, pero a sesión plenaria non se celebraba pola baixa laboral do secretario accidental. “Non había posibilidade de que a través da axuda a municipios da Deputación se organizasen para asistirnos”, explica o alcalde popular Álvaro Fernández. “Foi moi repentino e son malas datas”, puntualiza.
O BNG da Rúa pola súa banda critica o feito de que “esta baixa só foi comunicada aos grupos a través dun correo electrónico sen que se teña articulado ningunha outras medida de comunicación co gallo de analizar as posibles alternativas que eviten a paralización do Concello”, asegura a voceira nacionalista María G. Albert, adiantando que teñen reclamado por escrito “a convocatoria dunha xuntanza da Agrupación de Secretaría”.
Non é a primeira vez que Albert amosa a súa preocupación ante a “falta de cultura democrática do goberno municipal”, criticando reiteradamente “o nulo respecto pola convocatoria ordinaria dos plenos e xunta de voceiros” e lembrando que “o Partido Popular leva un ano enteiro sen entregar actas das Xuntas de Goberno Local”.