PolíticaÚltima hora

O BNG da Rúa reitera a solicitude da documentación relativa á xestión das piscinas municipais este verán

Anuncia tamén a presentación dunha reclamación na Valedoría do Pobo

Os concelleiros do BNG da Rúa, María G. Albert e Avelino F. Seco, no pleno celebrado o 5 de setembro./ Foto: Mónica G. Bellver.

 

O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego no Concello da Rúa vén de emitir unha nota relativa á falta de documentación sobre a xestión da piscina municipal neste verán. Nela explican que o concelleiro nacionalista Avelino Fernández Seco, acudíu onte á Casa do Concello para “reclamar toda a documentación que o grupo ten solicitado ao longo dos meses e que de xeito reiterado o grupo de goberno non facilita, negando así a toda a cidadanía da Rúa o seu lexítimo dereito de control da legalidade da acción de goberno”, din, asegurando que ante a súa reclamación, “Fernández Seco atopouse coa inexistencia da documentación solicitada vía rexistro o pasado 11 de xullo, vai xa máis de dous meses, e que neste momento aínda non foi entregada ao BNG”.

Neste sentido, a portavoz municipal dos nacionalistas Maria Albert lembra que a Lei 7/1985, de 2 de abril, Reguladora das Bases do Réxime Local, recolle no seu artigo 77 o dereito de todos os membros das corporacións locais a “obter do Alcalde ou Presidente ou da Comisión de Goberno cantos antecedentes, datos ou informacións obren no poder dos servizos da Corporación e que resulten precisos para o desenvolvemento da súa función”. Ese mesmo artigo estipula un prazo de resolución motivada para o exercicio dese dereito de “cinco días naturais seguintes a aquel no que se teña presentado”. Ante esta situación o BNG quere denunciar unha vez máis a “patrimonialización do Concello por parte do alcalde, o incumprimento sistemático da lei e o seu desprezo máis absoluto pola vontade democrática do pobo da Rúa”.

A información sobre o “desastre de xestión das piscinas municipais”, din dende o BNG, foi reclamada tamén durante o Pleno Ordinario deste mes de setembro onde se incluíron ademais cuestións relativas ao tempo de apertura da instalación, ao custe abusivo dos bonos, aos problemas de limpeza e outras cuestións “sen obter tampouco máis que evasivas por parte da alcaldía”, critican dende o Bloque, anunciando que na próxima semana presentarán todas estas e outras queixas relativas ao funcionamento do Concello da Rúa, na Valedoría do Pobo.

Artigos relacionados

Back to top button