PolíticaÚltima hora

O BNG de Viana pide que se contraten as obras da estrada de San Agostiño

Dous dos concelleiros do BNG de Viana, pasando pola estrada de San Agostiño./ Foto cedida.

 

O BNG de Viana do Bolo vén de emitir un comunicado no que solicita que se faga a contratación das obras da estrada de San Agostiño neste municipio. “Non entendemos a demora na contratación destas obras tan necesarias para as veciñas e veciños de Viana do Bolo. Non entendemos que teñan que pasar un inverno máis por esta estrada cando está todo aprobado polas tres partes”, din os nacionalistas.

A chamada estrada de Santo Agostiño, lembra o BNG, “son uns tramos de estrada que unen Viana do Bolo coa veciña comunidade Castela León en Zamora. Este tramos son: Viana do Bolo-San Agostiño. Sever-Límite con Zamora. Cruce da Francesa en Rubiais-Cepedelo-enlace co tramo de Sever ao límite con Zamora. En total 24,4 km”.

Esta formación política alude tamén ao proceso de negociacións que deu lugar a un acordo entre Endesa, o Concello de Viana e a Deputación de Ourense para o seu arranxo, matizando que para as obras de acondicionamento destinaríase unha partida económica de 1.125.119 €. O Concello de Viana do Bolo e Deputación de Ourense aportarán 286.749 € cada un e a eléctrica ENDESA 551.621 €. Tamén din os nacionalistas que o acordo foi ratificado polas partes e elevado a público ante notario no pasado mes de xullo, posteriormente, elaborouse o proxecto e procedeuse a súa aprobación, e completáronse “todos os trámites para a contratación da obra pola Deputación”.

Dende ese momento, “pasaron máis de dous meses e aínda non se sacou a obra a concurso. Non entendemos como tanto o concello como a Deputación están tan tranquilos e non acaban de solucionar este grave problema. Dende o BNG pedimos ao concello de Viana do Bolo e a Deputación que saquen a concurso esta obra”, insisten os nacionalistas.

Artigos relacionados

Back to top button