Eleccións municipais 2023PolíticaÚltima hora

O BNG de Viana presenta a súa lista ás municipais marcándose o reto da maioría absoluta

O acto contaba coa asistencia da portavoz nacional da formación, Ana Pontón, quen aseguraba que se trata dun "grupo de persoas honestas que queren dar o mellor de si para que este concello avance"

 

“Non estabamos nin estamos derrotados, non nos derrotan as mocións de censura, iso non nos apartou de traballar por Viana. Nós temos un programa, un equipo preparado, ilusionador, traballador, con enerxía, ideas e ganas e só nos move o interese e o amor polo noso pobo”. Así o destacaba o candidato á alcaldía de Viana do Bolo polo BNG, Secundino Fernández, na presentación da lista coa que esta formación política concorrerá ás vindeiras eleccións municipais do 28 de maio. Neste acto, que tiña lugar ás 20h. deste 2 de maio na Casa da Cultura vianesa, estaba arroupado pola portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, así polas deputadas galegas Noa Presas e María G. Albert, entre outros cargos nacionalistas da política provincial e municipal.

A presentación abríase coa intervención da número 2 da lista, Emilia Somoza, que se estrea na candidatura vianesa tras oito anos como concelleira de Cultura en Verín. Expresaba, emocionada, a súa ilusión e orgullo por formar parte “deste grupo de traballo para conseguir que o noso pobo volva sentirse vivo”.

 

 

 

 

Desa candidatura falaba tamén a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, asegurando que se trata dun “grupo de persoas honestas que queren dar o mellor de si para que este concello avance, que saben que outra Viana é posible e que queren construíla con todos vós”. E poñía en valor ao seu número 1. “Secundino ten a súa cabeza e o seu corazón en Viana e foi alcalde para servila. É o momento de que todos os que sentítesdes indignación teñades a vosa revancha democrática, temos que ir a pola maioría absoluta porque é a mellor opción para Viana”.

 

 

Nese senso, concretaba que os vianeses “só teñen dúas opcións nestas eleccións: BNG e PP. Viana xógase volver ao pasado escuro que representa o PP ou apostar por un futuro marcado por novas ideas, por xente que vén a traballar para Viana. Imos recuperar a dignidade para Viana pero, sobre todo, o Concello para os veciños co BNG na alcaldía. A única forma de que iso non se trunque é que teñamos maioría absoluta”.

 

 

Finalmente, tomaba a palabra o candidato nacionalista á alcaldía, Secundino Fernández, agradecendo “aos compañeiros a confianza depositada en min e á sociedade de Viana a forza e os ánimos que me transmitiron tras a moción de censura do 2020. Sen esa confianza non tería dado este paso. Estou preparado para acometer ese reto e derrotar ao PP nas urnas, teño a paixón, ilusión e ganas para recuperar a alcaldía, por min non vai quedar”. Cualificaba ao actual goberno municipal de Viana de “negativo, obsoleto e sen futuro, iso é o que percibimos todos os días. E Viana necesita un goberno para deixar esas políticas atrás, necesita transformar e cambiar en postivo. Por iso temos que implicarnos, convencer e explicar o noso programa casa por casa do municipio, porta a porta. A onda de recuperación do goberno ten que pasar a ser un tsunami que derrote ao PP e nos leve á maioría absoluta. Para poder gobernar temos que ir pola maioría absoluta, no hai termo medio”.

 

Membros da candidatura do BNG de Viana con Ana Pontón./ Foto: A.R.

 

Este acto, que incluía unha divertida actuación do Mago Teto, concluía coa presentación de cada unha das persoas que integran a lista do BNG en Viana.

Fotos e vídeo: Carlos G. Hervella.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button