Na mañá deste venres 11 de abril, Patricia Domínguez Barja formalizaba a súa candidatura á Secretaría Xeral do PSdeG-PSOE de Ourense presentando unha parte dos avais recollidos durante os últimos días, ata completar os esixidos. “Superei amplamente os 400, se ben so se contabilizaron os 207 primeiros, pois era o mínimo”, indica a propia Patricia.
Entre os avais recollidos atópanse o da maior parte dos alcaldes e alcaldesas da provincia, así como portavoces municipais e persoas que formaron parte dos gobernos socialistas da cidade de Ourense, así como dos gobernos de Emilio Pérez Touriño e José Luis Rodríguez Zapatero. Pero, sobre todo, “por militantes de base de practicamente todas as agrupacións da provincia, en algunha delas de forma masiva”, di, adiantando que agora, en canto a proclamación de candidaturas sexa definitiva, comezará a campaña de primarias.
A súa candidatura, segundo explicou Patricia, pretende “ser unha aposta pola renovación e, sobre todo, pola reacción fronte a uns resultados manifestamente mellorables. Non estamos tan mal se previamente nos convencemos de que temos que empezar a facer as cousas doutra maneira. Pero estaremos moito peor se o que decidimos é seguir igual. Dende logo, a miña candidatura busca o primeiro: renovar, reaccionar e repensalo todo, especialmente nas localidades nas que non gobernamos, co obxectivo de recuperar o nivel de apoio electoral que no seu día fixo de Ourense unha provincia clave para que Touriño fora presidente da Xunta e que tamén proporcionou as maiorías necesarias para gobernar a cidade en diferentes momentos”.