PolíticaÚltima hora

O BNG denuncia no Parlamento “a situación precaria do Hospital Público de Valdeorras”

María González Albert no Parlamento de Galicia.

 

Na mañá deste mércores 8 de marzo o BNG levaba ao Pleno do Parlamento a situación do Hospital Público de Valdeorras, con “numerosos servizos precarizados por mor da ausencia de prazas convocadas e o escurantismo do Goberno do PP respecto do número de prazas orzamentadas de persoal facultativo, persoal de enfermaría e non sanitario do hospital”, explica a deputada valdeorresa María G. Albert.

“A crúa e triste realidade é que vostedes teñen sumida á poboación do distrito sanitario de Valdeorras nunha desatención hospitalaria crónica que non queren ou non poden solucionar”, recriminou González Albert, que criticou a desatención dun Executivo do PP que non informa sobre cando vai convocar prazas como a de xefe de servizo de Medicina Interna, xefe ou xefa de servizo de Cirurxía, Radioloxía e que “até fai catro días tiña dez facultativos, que agora anda polos sete e do que non se dan cuberto as gardas”, xa que do total de sete profesionais dous teñen exención e outros tres pedírona, sinalou.

O Hospital Público de Valdeorras “está a padecer”, criticou a deputada por Ourense, “da inacción duns Populares que consenten que o seu servizo de Hematoloxía conte, a día de hoxe cunha única facultativa, “explíqueme como é posíbel que funcione así un hospital”, inquiriu.

“Valdeorras merece e reclama unha atención sanitaria de calidade, de proximidade, e que atenda as necesidades dunha poboación envellecida e con patoloxías específicas que vostedes se negan a atender”, denunciou Albert, que advertiu de que se trataba da terceira vez que o BNG preguntaba ao conselleiro de Sanidade a este respecto “e que ten demostrado a súa incapacidade para solucionar este problema durante máis de 2 anos. Se acaso agravala”, declarou.

 

Artigos relacionados

Back to top button