PolíticaÚltima hora

O BNG nomea aos seus representantes na Deputación de Ourense para o mandato 2023/27

Serán Bernardo Varela López (Allariz), María Xosé Mangana Guede (Baños de Molgas) e Xosé Manuel Puga González (Ourense)

Bernardo Varela continuará como deputado na nova lexislatura provincial./ Cedida.

 

Nas eleccións municipais do pasado 28 de maio, o BNG lograba elevar a súa representación na Deputación provincial de Ourense. Se no mandato 2019-2023 o BNG contaba cun único representante, no mandato que está a piques de iniciarse serán tres as deputadas e deputados cos que conte a formación nacionalista.

Logo do proceso de escolla realizado a nivel comarcal por parte dos concelleiros recentemente elixidos en cadanseu municipio e das propostas realizadas, o Consello Nacional do BNG celebrado o pasado 16 de xuño, nomeou como deputadas e deputados provinciais ás persoas que a continuación se detallan, destacando a presenza novamente de Bernando Varela, deputado no anterior mandato “e recoñecido polo seu traballo, a súa seriedade e o seu rigor á hora de exercer as súas responsabilidades tanto no Concello de Allariz como na institución provincial”, segundo destaca o BNG.

A Varela acompañarano dúas persoas “con ampla experiencia na xestión e cun profundo coñecemento da realidade política municipal e provincial”, engade esta formación política. Trátase de María Xosé Mangana, exerceu, no goberno do BNG, como tenente-alcalde no Concello de Baños de Molgas e Xosé Manuel Puga, foi xefe de gabinete na Consellería de Medio Rural dirixida entón por Alfredo Suárez Canal e actualmente é técnico xestor de fondos europeos.

TITULARES

1. Bernardo Varela López (Allariz).

2. María Xosé Mangana Guede (Baños de Molgas).

3. Xosé Manuel Puga González (Ourense)

SUPLENTES

1. Marcos Nogueiras Rodríguez (Vilar de Santos)

2. Vanessa García Rodríguez (Xunqueira de Ambía)

3. Carmen Armento Soto (Nogueira de Ramuín)

Artigos relacionados

Back to top button