PolíticaÚltima hora

O BNG pedirá no pleno do Barco un estudo para valorar a creación dun bus que conecte a vila co rural

Presentará unha moción na sesión plenaria de setembro, prevista para o vindeiro xoves

Estrada xeral que cruza a vila do Barco./ Foto: A.R.

 

O grupo municipal do BNG do Barco presentará no vindeiro pleno da Corporación local unha moción sobre a realización dun estudo de traxectos e custes de liñas urbanas de transporte para este concello. “A preocupación polas posibles situacións de iniquidade no trato á cidadanía, pola vertebración territorial e pola defensa dun rural vivo e activo, fan que as cuestións relacionadas coa comunicación e transporte sexan unha e outra vez motivo de debate, no que se implican como non pode ser doutra forma tanto organismos públicos como privados, organizacións políticas, e cidadanía”, din os concelleiros nacionalistas no texto da moción.

Así mesmo indican que “o Concello do Barco de Valdeorras non é alleo a unha situación demográfica e socioeconómica común ás grandes vilas da Galiza do interior: cunha zona periférica con dinámica propia rural, e onde existe unha poboación maiormente envellecida. Esta poboación adoita ter dificultades de desprazamento cara a súa cabeceira municipal: a vila do Barco, motivado xeralmente pola idade, a falta en moitos casos de vehículo propio, e a ausencia de liñas de transporte público, unha situación que diminúe o dereito das persoas a ter un aceso asequíbel aos servizos sanitarios, administrativos, económicos, comerciais ou de lecer no noso concello”.

Tamén lembras os edís do BNG que a “situación do transporte urbano no concello do Barco e a necesidade de implantar liñas de buses ou vehículos de uso público que conecten o rural barquense co seu centro urbano, ou mesmamente os distintos barrios periféricos, xa foi obxecto de debate plenario no anterior mandato municipal 2019-2023” no pleno de decembro de 2019, porén, “dende aquel debate ate o día de hoxe producíronse actuacións políticas que dan a entender a necesidade de volver considerar este debate”.

Deste xeito o BNG pide na moción que o Concello do Barco realice e presente “en pleno antes de rematar o ano 2024 un estudo de planificación de traxectos, custos e posibilidade de colaboración con outras administracións ou entidades para acadar liñas de bus ou vehículos de uso público que conecten os barrios periféricos e o rural co centro da vila, asegurando diariamente un servizo de liñas regulares ou a demanda independentemente de épocas lectivas ou non para tódolos núcleos de poboación do concello”.

Artigos relacionados

Back to top button