PolíticaÚltima hora

O BNG pide medidas “contra o desmantelamento das oficinas da AEAT en Galicia” no Parlamento galego

Publicidade
A deputada do BNG no Parlamento galego, Noa Presas.

 

A portavoz de Facenda do BNG no Parlamento galego, a ourensá Noa Presas, preguntaba ao goberno que medidas vai poñer en marcha para frear o desmantelamento das oficinas da AEAT en todo o territorio galego, “mentres no se avance nas competencias da Axencia Tributaria Galega”.

A nacionalista salientou “a preocupación dos traballadores e traballadoras das delegacións da Axencia Estatal da Administración Tributaria que dende o ano 2000 sufriu un recorte de persoal do 43,7% coa conseguinte perda de calidade no servizo”.

O BNG presentaba unha iniciativa na que se recolle que “Galiza non ten capacidade fiscal e normativa plena, unha boa parte das actividades tributarias e dos impostos que pagan os galegos e galegas son de xestión estatal e corresponden a este organismo e a pesar de contar coa ATRIGA. As tarefas referidas á recadación de boa parte dos impostos dos galegos e galegas depende do organismo estatal, unha estrutura que nace nos 90, xa consolidada e referencia para calquera cidadá á hora de cumprir coas súas obrigas facendísticas”.

Nese senso, o BNG entende que se trata “dun servizo público que debe dar cobertura ás necesidades de información e xestión da cidadanía no ámbito tributario, que implica unha grande responsabilidade e complexidade para as persoas non expertas que conduce a que cada vez máis galegos e galegas delegan este tipo de tarefas en xestorías”.

Presas engadía que coa AEAT “aconte como coa banca, vanse reducindo servizos e imposibilita, xunto cunha dixitalización mal entendida e pervertida coa desculpa do Covid-19, a asunción de moitas persoas de xestións menores ou puntuais que teñen que acabar delegando”.

Presas preguntou cal vai ser o futuro dos puntos dependentes das delegacións de Ourense, Lugo, Pontevedra e A Coruña en: Betanzos, Carballo, Cee, Ferrol, A Coruña, Ortigueira, A Coruña, Ribeira, Santiago de Compostela, Foz, Monforte, O Barco de Valdeorras, Carballiño, Celanova, Verín, A estrada, Ponteareas, Tui, e Vilagarcía de Arousa, ante a redución do seu persoal por mor dos procedementos de mobilidade convocados pola AEAT e a maior xestión telefónica e telemática.

Tras a intervención da directora da Axencia Tributaria de Galicia, ATRIGA, Vitoria González Vázquez que responsabilizou desta situación ao goberno do Estado, a deputada do BNG cualificou a resposta de “decepciónante e contraditoria” ademais de constatar como “o goberno galego non mudou a súa posición ante unha administración que agravia a Galiza no ámbito tributario”.

A súa resposta, recalcou Presas, confirma que o goberno galego non ten ningunha intención de frear o desmantelamento das oficinas e desmonta a propaganda que o PP fai da “ boa colaboración” entre a ATRIGA e AEAT.

A deputada lembrou que non foi pechado ningún posto de atención pero recalcou que “se perderon más de 170 postos de traballo que prexudicou a prestación de servizos”.

Neste sentido, propuxo ao goberno galego dirixirse ao goberno central para demandar que as administracións en Galiza da AEAT recuperen, como mínimo, os índices de traballadores e traballadoras do ano 2000 para garantir , en igualdade de condicións ao longo do territorio galego, a atención presencial ao público para o asesoramento e servizos que presta.

Por outra parte, tamén propuxo ao Partido popular “abandonar a permanente queixa e unha relación epistolar estéril co goberno do estado” e elaborar un estudo do “deterioro” da ATRIGA e das competencias que deben ser reclamadas a Galiza para o seu desenvolvemento pola axencia.

“Dende o BNG apostamos por un maior peso da Axencia Tributaria galega fronte a AEAT” e dunha “ maior autonomía fiscal ” e lamentamos que o Partido popular continúe actuando na dirección contraria, concluíu.

Artigos relacionados

Back to top button