ConcellosÚltima horaVídeos

O BNG pide solucións para “a falta de cobertura da zona especial de urxencias sanitarias da Veiga-O Bolo”

Neste mes de abril "durante 15 días os concellos da Veiga e do Bolo van encontrarse de tarde e noite sen dotación médica e van ter que se atendidos polos PACs de Viana e do Barco" asegura Suso Vilasánchez, concelleiro do BNG no Barco e membro de CIG Saúde

 

Nunha rolda de prensa celebrada esta mañá no Barco o BNG falaba da situación de “falta de cobertura da zona especial de urxencias da Veiga-O Bolo”. Esta situación, “que un partido político relacionaba hai uns días coa morte dunha paciente no concello da Veiga, xa foi explicitada pola CIG en múltiples ocasións: no 2017, no 2018, no 2021 e no 2022 a través de escritos á Xerencia de Área de Ourense, Verín e O Barco; á Dirección Médica de Atención Primaria e á Dirección de Enfermería”, dicía o concelleiro do BNG no Barco, Suso Vilasánchez, tamén representante da CIG-Saúde, mentres amosaba os documentos presentados.

Trátase, engadía Vilasánchez, “dunha cuestión perfectamente coñecida. Nós temos explicitado moitas veces o risco que supón asumir por parte dun PAC unipersoal, é dicir, onde hai un só médico, un municipio como o da Veiga, que é enorme, son 290 km2 e unha densidade de 3,05 habitantes por km2. Estamos a falar do PAC de Viana. Entón cando isto sucede, a un médico só, que é o do PAC de Viana tócanlle 762 km2 de territorio de montaña e cunha dispersión poboacional moi grande”. Este concelleiro barquense do BNG, tamén traballador da sanidade, considera que esta problemática amosa “unha mala organización” e insiste en que “foi comunicada tamén máis dunha vez”.

 

 

Ademais Vilasánchez adiantaba que neste mes de abril “durante 15 días os concellos da Veiga e do Bolo van encontrarse de tarde e noite sen dotación médica e van ter que ser atendidos polos PACs de Viana e do Barco”. Deste xeito, continuaba, “cada vez que isto sucede o PAC do Barco tense que facer cargo do territorio e da poboación do Bolo e iso aminora a súa capacidade para a xente que leva o propio PAC do Barco, cunha poboación moi grande”.

 

Iniciativas no Parlamento galego

Suso Vilasánchez quere se “vexa que este problema existe” e pide “que se intenten tomar solucións consensuadas”. Neste senso, o BNG ten previsto presentar no Parlamento galego, a través da deputada valdeorresa María Albert, “unha serie de iniciativas para que a Xunta nos explique como considera que pode estar cuberta a atención sanitaria de todos os concellos, sobre todo da montaña de Valdeorras, cunha extensión e unha dispersión moi grande de poboación e cunhas necesidades de cobertura moi diferentes ás que ten unha zona urbana”, adiantaba a parlamentaria nacionalista.

María Albert incidía en que “esta cuestión é a última pinga dentro dunha problemática moi xeralizada nun deterioro planificado absolutamente na atención sanitaria do rural galego en xeral. Cando se fala de sanidade podes falar dela dende un punto de vista de servizo público ou dende un punto de vista economicista, e é evidente que a Xunta leva anos priorizando a cuestión economicista dun servizo que é un dereito fundamental da cidadanía, e entón acontecen estes problemas que son gravísimos. En Valdeorras non temos comunicacións, non temos sanidade, non temos ensino e o que queremos é un futuro para o rural que pasa obrigatoriamente por ter unha sanidade de primeira como a que nos merecemos os valdeorreses”.

 

 

A deputada do BNG tamén lembraba que na vindeira semana vaise debater no Parlamento galego “unha pregunta que presentamos sobre a problemática do contrato de seguridade privada do Hospital de Valdeorras e de Verín, a empresa non paga aos seus traballadores mentres o Sergas está a mirar para outro lado”.

 

Artigos relacionados

Back to top button