PolíticaÚltima hora

O BNG preguntará no pleno provincial sobre a retirada do helicóptero de incendios do Barco

Ramiro Rodríguez, deputado nacionalista, pedirá que este medio aéreo volte a Valdeorras xa que, de non ser así, isto suporía “un gravísimo problema para a comarca, unha das máis estensas e afectadas polos lumes nos últimos anos”
O deputado provincial do BNG, Ramiro Rodríguez, nun dos plenos da Deputación ourensá.

Dez meses despois da retirada do helicóptero contra incendios da base de Vilanova (O Barco) e motivada por unhas obras na mesma, nin hai obras, nin volveu a aeronave. Así o plantexa o deputado provincial do BNG, Ramiro Rodríguez, nunha pregunta que formulará no vindeiro pleno da Deputación de Ourense.

Dende o BNG lémbrase que no pleno de xullo do 2017, “este grupo  presentou unha iniciativa na que instábamos á Xunta a rectificar a súa decisión de retirar o helicóptero de incendios do Barco da base de Vilanova e a levar a cabo todas as xestións posíbeis para que sexa posíbel o seu mantemento en condicións axeitadas de funcionamento”.

O deputado nacionalista tamén lembra que nesa mesma sesión “o deputado Juan Anta, que exerceu nese punto como portavoz do PP, dicía que era moi simple, facemos obras, trasladamos o helicóptero; rematamos obras, volve o helicóptero. Así de fácil e sinxelo. Pasaron 10 meses e a base segue sen tocar. Nin obras, nin helicóptero. Está claro que o das obras foi a xustificación para quitar o helicóptero. Vai chegar o verán e os rigores da seca e O Barco vai estar sen helicóptero, o cal suporía un gravísimo problema para a comarca, unha das máis estensas e afectadas polos lumes nos últimos anos”.

Nese senso, o BNG pedirá no pleno de maio que “con carácter de urxencia se nos diga cales foron as xestións realizadas pola Deputación a este respecto e cales foron (de habelas) as actuacións realizadas pola Xunta”. Tamén se pide no texto da pregunta que dende a Deputación se “solicite á Xunta que cumpra a súa palabra de arranxar as deficiencias para que abra a base porque é un territorio onde ten habido un número moi significativo de lumes e un tempo de reacción de 15 minutos (que é o que se tardaría dende a base de San Xoán de Río) pode ser determinante”.

 

Artigos relacionados

Back to top button