PolíticaÚltima hora

O BNG reclama o mantemento de aulas no CEIP Xosé Manuel Folla Respino de Vilamartín

A deputada no Parlamento galego, Maria G. Albert, vén de rexistrar un conxunto de iniciativas ante a eliminación do profesorado especialista do centro

Unha das fachadas do CEIP Xosé Manuel Folla Respino de Vilamartín.

 

O 30 de xuño o CEIP Xosé Manuel Folla Respino pechaba con 21 alumnos matriculados para o curso  21/22, o que levou á Consellaría de Cultura, Educación e Universidade a anunciar a eliminación dunha aula e todas as prazas de profesorado especializado que estaban vinculadas ao centro “condenando así ao único colexio público da localidade a reducir drasticamente os grupos de ensino para o curso 21/22”. Así o explican dende o BNG cuxa deputada no Parlamento galego, Maria G. Albert, vén de rexistrar un conxunto de iniciativas.

Así, ademais de varias preguntas dirixidas ao goberno da Xunta, a deputada valdeorresa insta á Xunta de Galicia a “exeitar a proposta do servizo de Inspección de suprimir as especialidades de profesorado no CEIP Xosé Manuel Folla Respino de Vilamartín de Valdeorras; manter a actual estrutura do CEIP Xosé Manuel Folla Respino cunha unidade de infantil e 3 unidades de Primaria; e modificar o actual sistema de ratios para bonificar aos centros do rural de Galiza pola función estabilizadora de poboación nas súas respectivas localidades”.

 

A deputada do BNG no Parlamento galego, María G. Albert.

 

Albert destaca nas súas iniciativas que este ataque frontal ao centro educativo de Vilamartín de Valdeorras fai parte dunha “estratexia planificada de desmantelamento do ensino público no rural galego” no que a Xunta de Galiza usa como único criterio de mantemento de aulas e profesionais as ratios de alumnado co consecuente “menoscabo da calidade da educación nas zonas máis despoboadas do país”.

Sinala a política nacionalista que a decisión da Consellaría está a provocar un enorme malestar dentro da comunidade educativa e do conxunto da cidadanía de Vilamartín de Valdeorras. Para Albert esta decisión “deixa ás claras de novo o desprezo do Partido Popular cara calquera tipo de diálogo coa comunidade educativa e a propia supervivencia do rural neste país”.

 

Artigos relacionados

Back to top button