PolíticaÚltima hora

O BNG recolle na Rúa sinaturas contra a suba da tarifa da luz

Forma parte da campaña do grupo nacionalista "contra a estafa eléctrica"

 

O Bloque Nacionalista Galego vén de poñer en marcha a campaña de recollida de sinaturas a favor dunha tarifa eléctrica galega, asegurando que “resulta escandaloso todo o que ten que ver co incremento brutal da factura da luz do noso país”.

Dende o BNG aseguran que “Galiza é rica en electricidade pero non se beneficia desa riqueza, ao contrario, familias e PEMES pagan cada vez máis pola factura da luz e iso pese a soportar os custes ambientais e sociais”, polo que “cumpre baixar o IVE da electricidade ao 4%, suprimir o Imposto Especial do 5%, impedir que repercuta na factura o Imposto de produción do 7%, e ademais suprimir os cargos e peaxes que non teñen relación co consumo”, en palabras do deputado nacionalista Iago Tabarés que inauguraba a campaña en Celanova.

Os nacionalistas aseguran que a enerxía é un ben básico e “cumpre ir a un cambio de modelo, ir a unha factura eléctrica galega, un modelo no que os territorios que son excedentarios en enerxía, como Galiza, se vexan beneficiados de xeito que a súas xentes melloren a súa calidade de vida ao igual que o seu tecido produtivo”. Un modelo que xa existe en Finlandia, Suecia, Alemaña ou Reino Unido.

Denuncian que “nesta estafa legalizada desde Madrid, sempre gañan as eléctricas e o pobo é quen sae perdendo”, razón pola que “isto temos que paralo entre todos, porque PP e PSOE, teñen máis intereses postos nas empresas eléctricas que nos intereses da cidadanía”. Para logralo dende o BNG solicitan, á parte dunha baixada de impostos, unha ratificación xusta que cobre o que vale a luz e non o que as empresas deciden para incrementar os seus beneficios, “que Galiza teña unhas vantaxes comparativas respecto ao Estado español, e isto  é o que a cidadanía está pedindo masivamente”.

Na mañá deste sábado 26 de xuño era a deputada do BNG no Parlamento galego María G. Albert, xunto a compañeiros do BNG da Rúa, os que recollían sinaturas na praza do Concello rues. O martes 29 de xuño, estarán na praza do Concello do Barco de Valdeorras.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button